ROI CASAL ESTREA 'SON GALEGO, SON CUBANO'

“Temos pendente unha revisión do que significa a emigración para Galiza” 

Roi Casal estreou este domingo en Ourense o directo de 'Son galego, son cubano', un disco con letras de Neira Vilas e música caribeña con toques galaicos que quere ser unha homenaxe á historia común destes dous países e tamén ao propio escritor, que faleceu antes de ver o seu proxecto en marcha. 

roicasal2
photo_camera Roi Casal na Habana

- Con este disco queres contar a epopea dos galegos en Cuba. Por que? Como naceu na túa cabeza esa idea?
- Máis que querer contala eu, quen a contou foi Neira Vilas, como sabes é un proxecto común entre os dous. Non xurdiu de maneira voluntaria. A vida e a música foime levando a estes proxecto. En 2014 cando fixemos a xira latinoamericana, en Cuba déronme o premio Cubadisco, que llo deran o ano anterior a Paco de Lucía, e propuxéronme facer algo que puxese en valor a historia común entre Galiza e Cuba. Estando na illa empezo a descubrir a pegada dos galegos na illa, e á volta chámame Neira Vilas para dicirme que sabe o da proposta do Ministerio de Cultura cubano e el ofrécese para asesorarme e mesmo para facerme as letras. E eu, loxicamente, diante desa proposta, non puiden rexeitala. E en maio-xuño de 2014 empezou todo a andar, e no verán de 2015 xa practicamente tiñamos practicamente todo finalizado, Neira xa tiña as letras feitas. 

- As letras fíxoas a pé feito para ti?
- Claro, si. El escribiu ex profeso temas sobre mariñeiros que viñan a Cuba e fixeron aquí embarcacións iguais ás de alá, sobre Caballero de París, que era unha figura mítica en Cuba, de orixe galega, un personaxe que paseaba cunha capa que dicía que era o conde de Montecristo. Do seu amor cubano, do xeneral Villamil… de todo iso escribiu Neira hai doce meses. E íame enviando unha a unha, até que tiñamos doce ou trece, lembro o último mail que me enviou uns días antes de morrer preguntando como ía o tema, se o iamos presentar na Habana… Facíalle moita ilusión este proxecto. Traballamos conxuntamente, deixoume moita liberdade para facer o que eu quixera, pero el asesoroume en todo momento e abreume os ollos. Non conta todas as historias, é só a punta do iceberg, pero ten que valer para que sexa, digamos, un indicador de que algo moi importante fixeron os galegos en Cuba e desde Cuba para Galiza. Son galego, son cubano é a metáfora de todo iso que hai detrás, e espero que esperte a curiosidade entre o público para saber como se construíu parte de Galiza. Desde cousas moi obvias, como o himno, a bandeira ou a RAG, ou outras menos coñecidas como que mandaban diñeiro para facer escolas, lavadoiros, centros de saúde… desde alí mantívose a dignidade e o sentimento de país cando aquí non había nin goberno constituído. Eu aspiro humildemente a que Son galego, son cubano sirva para recuperar esa información que os galegos deberiamos ter. 

El tiña moita máis perspectiva do que ía significar este proxecto ca min. Ao principio tomeino como un disco da miña carreira e hai tempo que deixou de ser iso.

- Unha vez que se cruzou polo medio a morte de Neira tamén se convertiu un pouco nunha homenaxe a el, non?
- Claro, é que este proxecto ten un cúmulo de circunstancias que o fai moi especial. Eu sempre lle agradecerei a Neira que me colocase aquí. El tiña moita máis perspectiva do que ía significar este proxecto ca min. Ao principio tomeino como un disco da miña carreira e hai tempo que deixou de ser iso. É case un proxecto máis de país. A súa morte afectoume tamén moito, era unha persoa que tiña 86 anos, pero o intelecto mantíñao perfecto. Un día ou dous antes falaramos e doume moita pena, porque lle faría moita ilusión velo estreado, tal e como o pensamos xuntos, e saíu incluso mellor. Estreámolo no centro galego debaixo do escudo de Galiza, onde só actúa o Ballet Nacional, e alí estivo Obama uns días antes. Deume moita pena, pero si, converteuse nunha homenaxe a el e á emigración galega en Cuba. El estivo 31 anos en Cuba e traballaba no MInisterio de Industria co Che Guevara e saía todas as tardes de alí e ía ao Instituto de Literatura e Lingüística a recompilar todo o que fixeran os galegos na illa. Nós tivemos a sorte de ter un cronista supercualificado, iso ten un valor incalculable.  

- Dis que este disco se convertiu nalgo máis. Que é para ti neste momento?
- Para min como artista significa un punto de inflexión grande, porque non mantén a estética dos tres anteriores e é a primeira vez que eu non son o responsable íntegro das letras. Eu non son unha persoa habituada a facer colaboracións con ninguén. Sempre mantiven unha personalidade propia bastante grande. Pero obviamente no caso de Neira sería soberbio non facelo. É a primeira vez que fago algo cun dos grandes da historia da literatura galega, que para min é unha honra. E no plano estético, é un disco de salsa, de baile, de raíz cubana con toques galegos. Pero a min o que me interesa neste disco é poñer en valor a historia común entre Galiza e Cuba, máis que que se vexa como un disco de fusión de música galega-cubana. Ten unha aproximación a iso, pero o valor máis grande do disco, o que subxace, é a temática. É un disco luminoso, de festa. En Galiza cando se fai algo relacionado coa emigración soe ser algo triste, de lamentos, e eu sempre me rebelei contra esa mensaxe da aldraxe, de que en Galiza todo é un desastre, que todo nos foi mal historicamente. Neira non era así, nin eu o son. Eu non penso que os nosos males sexan culpa dos outros. E entón é un disco en positivo, dicindo que esa foi unha circunstancia histórica do noso país, pero ao mesmo tempo serviu para construír a nosa propia identidade. Para min é un punto de inflexión en todos os sentidos: no estético, pero tamén no que transmite e a ver a onde chegamos con isto, pero eu estou moi satisfeito. 

Eu dedícome a facer música para masas, non fago música ortodoxa para un sector da poboación, eu son un músico que intento chegar a público moi diverso. Non quería facer un tocho de historia, senón que a xente o pase ben e que ademais teña un valor histórico engadido.

- Eu preguntaba porque dixeches que era máis un disco “de país”.
- É algo que todos os que participamos, Pablo Milanés e moitos outros, nos preguntabamos, como é que isto, despois de 150 anos de relación, non se tivera feito nunca. E a segunda reflexión é: menos mal que se fixo. A min tocoume estar no momento axeitado no lugar axeitado. Non é un disco de Roi Casal nin un libro de Neira Vilas, é unha síntese de algo que este país tiña e ten pendente. Temos pendente unha revisión do que significa a emigración para Galiza. Para min foi moi enriquecedor todo o proceso de Son galego, son cubano porque descubrín moitísimas cousas de como se conformou o que somos, o que é Galiza. Este non é un disco máis, é algo que debe servir para ver a punta do iceberg e descubrir todo o que hai debaixo. Neira deixou moito escrito sobre o tema para quen queira investigar e fascinarse. Si, é un disco de país que nos debíamos a nós mesmos. 

- No disco contas con colaboracións cubanas (Pablo MIlanés, Laritza Bacallao) e galegas, co teu propio pai, Nando Casal. 
- Nós gravámolo en maio de 2016, con Neira xa falecido, e vin claro que ía ser un traballo grande, de país, e a quen lle contamos esta historia se sentía fascinado coa historia. E vendo iso decidín intentar contar cos mellores, e aí está a voz masculina máis recoñecida, Pablo Milanés, a voz feminina actual máis potente, Laritza Bacallao, a produción de Miguel Núñez, que probablemente é o mellor pianista da illa, o pianista dos Bambán, etc. E de aquí, o condimento galego tiña que ser unha gaita e eu tíñaa pretiño, verdade? [risas] Por iso está Nando Casal, de Milladoiro. E así conformouse un proxecto único, tamén polas personalidades que interveñen. E o 27 na Habana a xente non veu ver só Son galego son cubano senón tamén un All Stars que non tocaran xuntos nunca. Eu dedícome a facer música para masas, non fago música ortodoxa para un sector da poboación, eu son un músico que intento chegar a público moi diverso. Non quería facer un tocho de historia, senón que a xente o pase ben e que ademais teña un valor histórico engadido. 

- Vin que en Cuba estivestes dous días seguidos, obtendo senllos éxitos. Como reacciona a xente alí a este, que xa son galegos de segunda ou terceira xeración? 
- Si, pero seguen mantendo as estruturas asociativas orixinais dos primeiros que chegaron alí. Siguen en certa maneira conectados a Galiza. Hai escolas de gaitas con mulatos. Chamoulle moito a atención que se fixese algo así, e claro feito ao grande, con músicos de moito prestixio, pois causou expectación, claro. Por iso digo que é un proxecto de país, estreouse ao grande en Cuba, e agora vaise facer igual en Galiza. É algo que nos debíamos.

En Galiza cando se fai algo relacionado coa emigración soe ser algo triste, de lamentos, e eu sempre me rebelei contra esa mensaxe da aldraxe, de que en Galiza todo é un desastre, que todo nos foi mal historicamente. Neira non era así, nin eu o son. Eu non penso que os nosos males sexan culpa dos outros.

- Falando xa da xira que comezas este domingo en Ourense, como vai ser a formación en Galiza?

- Aquí participa aínda máis xente aínda que no disco. Algúns músicos veñen expresamente de Cuba e outros de aquí, que xa sabes que hai moitísimos músicos cubanos radicados aquí. Somos doce músicos, con coro e bailaríns. É un show de primeira división de gran formato, na que o público está bailando o 90% do tempo. Poderase ver practicamente en todas as cidades e vilas grandes. En Ourense, no Apóstolo, en Lugo, en Ferrol, en Cambados no Albariño… Publicaremos a xira íntegra pronto. 

- E logo xira internacional, non?
Temos xa previstos varios fóra: en Suíza, nas Canarias, en Brasil, en México, en Bélxica… 

- Este é un disco especial na túa carreira. Logo vas continuar coa túa aposta pop, unha aposta por certo inusual en Galiza por parte de alguén que comezou en Milladoiro…
- Si, o pop é a miña seña de identidade, é coa que me fixen cun público que me permite vivir da música e ter unha banda estable e facer xiras importantes. Iso é co que cheguei até aquí, pero tamén é verdade que Son galego son cubano é un proxecto distinto e eu non sei nunca que vou facer o ano que vén. Se me preguntan hai dous anos se ía facer isto teríalle dito, estás tolo, e sen embargo aquí estou. Botando a vista cara atrás hai 8 anos que deixei MIlladoiro e emprendín a miña carreira en solitario, co cal eu penso que en 2018, aos 10 anos, será unha boa oportunidade de mirar atrás, pero á hora de crear, eu non sei o que vou facer. A vida e a música vante poñendo en sitios moito mellores dos que tiñas pensado. Así que me vou deixar ir a onde me leve, pero intentando non defraudar o meu público, claro.  Unha das cousas que quero testar é a resposta do meu público a este proxecto. 

Comentarios