SONIA MÉNDEZ, DIRECTORA DE CARBALLO INTERPLAY

"A televisión vai quedar como un medio residual para espectáculos en directo"

Do 4 ao 6 de maio regresa a Carballo o Festival de Contidos Dixitais e aproveitamos para falar coa súa directora, Sonia Méndez, de webseries, do futuro da televisión e dese evento pioneiro que organizou a primeira competición de webseries do Estado.

CIP2016_V06_MAÑA©DAVIDTOMBILLA_005
photo_camera Sonia Méndez na edición pasada do Carballo Interplay [Foto: David Tombilla]

- Como lle explicarías o que é unha webserie a alguén que nin é millenial nin veu unha na vida?
- É unha ficción seriada, como as series de televisión, pero pensada para ser nativa de Internet. 

- O medio fai que a narrativa sexa diferente?
- Máis que que a narrativa sexa diferente, porque a duración é distinta e isto xa afecta á narrativa, que sexa outro medio porque ao non depender dunha televisión, soen ser máis gamberras e máis libres. Pode haber cousas máis convencionais, pero tamén cousas máis orixinais e tamén os medios para desenvolvelo son totalmente diferentes. 

- Cal dirías que é a media de duración dunha webserie entón?
- Dá igual, porque habelas moi curtiñas e moito máis longas. Por exemplo, 'Malviviendo', que foi unha das webseries máis vistas até o de agora, tiña capítulos de 50 minutos. E outras poden durar dous. A regra é que non hai regras. 

Falo de Netflix tamén para que a xente se dea conta de que non estamos a falar de cousas pequenas necesariamente. 

- Supoño que estes novos formatos son unha vía de entrada para novos talentos que non poden entrar no sistema audiovisual polas vías tradicionais, non?
- Dalgunha maneira, si. Os medios son aquí máis accesibles e cabe a posibilidade da experimentación, pero sempre digo que non é como se as webseries fosen as irmás pequenas das series nin que o que fai webseries o que quere é que o chamen dunha televisión. Igual que hai xente que quere facer curtametraxes non só pensando en facer unha longa. Sempre tendemos un pouco a facer comparativas con estruturas que xa existen, pero cando aparecen estruturas novas cústanos moito e tentamos encaixar as novas nas antigas, cando é outra cousa diferente. Eu creo que tamén hai que ter en conta que é Internet, que posibilidades ofrece, etc. 

- Todo isto provocou tamén unha democratización na creación de contidos audiovisuais. Agora é moito máis doado crear e distribuír. 
- Si, democratizouse todo o proceso. Agora mesmo os medios técnicos son máis accesibles, porque podes até gravar co móbil, e logo tes canais para emitilo e medios para difundilo. E todo iso está en Internet. Iso non quere dicir que vaia ser exitoso de por si, pero tes moitas opcións polo menos de que o teu traballo se vexa. 

A televisión elabora programas en función do 'target', sen embargo en Internet é ao revés, o consumidor busca o que el quere ver, non o que ti queres que eu vexa. 

- A forma de ver contidos audiovisuais cambiou radicalmente grazas a Internet. Están a nacer un feixe de plataformas fóra da televisión. Cales dirías que son as máis importantes?
- Están nacendo outras plataformas fóra da televisión ou directamente a televisión se está a transformar noutra cousa. Evidentemente plataformas importantes que lle poidan soar á xente está Netflix, en España temos Filmin, Flooxer, que é unha plataforma que reúne todas aquelas propostas audiovisuais que son nativas para Internet. Pero falo de Netflix tamén para que a xente se dea conta de que non estamos a falar de cousas pequenas necesariamente. Agora mesmo consúmese a través de varias pantallas e aí escolles que é o que queres ver, como o queres ver e a través de que. E aí está o cambio. Unha cousa son os espectáculos en vivo, que xa é máis televisivo, e outra cousa son os contidos que ti podes ver cando queiras. Iso de poñerte diante da tele agardando por un capítulo... iso xa hai tempo que non funciona así. Flooxer en España é un escaparate de talento dixital e de contidos nativos para rede, pero tamén Netflix é unha plataforma só para Internet, non hai unha televisión Netflix. Non é un canal de televisión. 

- Como cres que vai evolucionar todo isto?
- Eu creo que a televisión vai quedar como un medio residual para espectáculos en directo, é dicir, todas aquelas cousas que non poidas ver máis tarde ou precisen inmediatez, como deportes ou infomativos. A xente vai consumir máis baixo demanda. A televisión tal e como a coñecemos, aquel obxecto arredor do que se sentaba a familia está en proceso de tranformación, por non dicir outra cousa. A pantalla de TV é unha pantalla máis, hoxe consumimos a través do móbil, da tablet, do computador... E nas casas non só hai unha pantalla, hai moitas. Cada vez o espectador escollerá máis a grella que el quere. Ti buscas o que queres ver. A televisión elabora programas en función do target, sen embargo en Internet é ao revés, o consumidor busca o que el quere ver, non o que ti queres que eu vexa. 

[Sobre Internet] O que parecía tan libre ao final acábase convertendo nun produto dirixido, pero polo menos tes capacidade de ver o que está pasando noutros moitos lugares. 

- Isto é un paso máis no proceso de globalización. Xa poucas fronteiras quedan no audiovisual. 
- Eu creo que non hai directamente fronteiras. Hainas físicas e terribles, lamentablemente, pero ti podes estar en contacto co que sucede en países aos que nunca chegarías antes seguramente. E tamén é certo que si que hai un consumo dirixido. O que parecía tan libre ao final acábase convertendo nun produto dirixido, pero polo menos tes capacidade de ver o que está pasando noutros moitos lugares. E se ti tes unhas inquedanzas que non son moi 'mainstream' seguro que vas atopar algún produto que che guste. Nese sentido Internet o que fai é baixar esas barreiras, pero ollo, hai outras máis invisibles e máis difusas, pero que tamén existen. 

- Ao final tres ou catro empresas controlan boa parte do que pasa. 
- Si, o cotarro está manexado por elas, iso non o esquezamos nunca. Non é a panacea, pero creo que tamén hai que ser selectivo, non hai que ser un obxecto totalmente pasivo. Terás que escoller o que ti queres e terás que ter unha actitude crítica diante das cousas que ves. Eu teño visto series super 'freaks' que nunca verías na televisión, e antes era moito máis difícil conseguir estes produtos. Agora está todo aí, aínda que se cadra hai demasiadas cousas como para dixerilas correctamente. 

Outro dos obxectivos era crear ese caldo de cultivo que xerase novos produtos e iso deuse. Hai moitos produtos que xurdiron desde Carballo e diso estamos moi orgullosas. 

- Ti mesma produciches unha webserie. Como foi a experiencia?
- Pasou bastante tempo xa e foi unha experiencia moi positiva. Moitas cousas que teño agora veñen daqueles tempos. O que máis recordo daquel momento, de 'Angelica y Roberta',  é que nós non tiñamos nin idea do que era unha webserie. Nese momento, só pensamos "se queremos que isto se vexa, por que non o metemos en Internet?". Non pensamos en facer unha web serie, senón que pensamos nunha serie, ningunha tele a quixo apoiar -tiñan as súas razons, he? sen acritude- e dixemos, pois para Internet! Moitas das cousas que fixemos daquela probablemente as fariamos agora doutro xeito, pero todo o que recordo é que eramos libres e felices. Pasabámolo moi ben e recuperamos as ganas de facer cousas no audiovisual. E aínda hoxe vexo en webseries doutros países parecidos coa nosa, e logo os creadores dinme que efectivamente a viron e lles influíu. Iso é unha pasada!

- Esta é a cuarta edición de Carballo Interplay. Ao comezo erades un festival de webseries, agora denominádesvos festival de contidos dixitais e xa comezades a ser referenza internacional. Cal é o voso obxectivo a medio prazo?
- Soamente fomos festival de webseries o primeiro ano. O noso obxectivo é medrar. Nós definimos unha liña de festival que é moi aberta, porque estamos traballando con Internet, hai propostas diferentes, maneiras de contar diferentes, temos que estar atentas a novas propostas. Pero tamén temos que ter unha coherencia como festival, non ser un remexido de todo e de nada, senón ter unha liña e unha coherencia e conseguir que os creadores e creadoras e o público se achegue a Carballo confiando na proposta que lles facemos, que pasen estes tres días con nós, que aprendan e que disfruten. Isto está sucedendo, a xente ten gana de ir a Carballo e outro dos obxectivos era crear ese caldo de cultivo que xerase novos produtos e iso deuse. Hai moitos produtos que xurdiron desde Carballo e diso estamos moi orgullosas. Tamén que o premio de Carballo teña un valor, que sexa unha referencia. E nese sentido, creo que o estamos a conseguir. 

A pantalla de TV é unha pantalla máis, hoxe consumimos a través do móbil, da tablet, do computador... 

- Cales son as bases nas que se sustenta esa coherencia? Que diferencia este festival doutros similares?
- Para nós o fundamental é respectar os creadores e creadores, que os premios teñan un valor, porque no fondo tamén se trata de dignificar esas creacións, e estarmos atentas ás novas propostas que nos brinda a rede. E alén da competición de webseries temos un feixe de actividades paralelas. Este ano ano temos unha longametraxe de David Sainz -supoño que saberás quen é- é o creador de 'Malviviendo', entre outras moitas cousas, pero tamén hai propostas de 'youtubers', etc. Todas as edicións teñen unha coherencia na proposta. 

- No festival coidades moito as cuestións de xénero. Para comezar, as cabezas visibles sodes todas mulleres. 
- Iso non foi a propósito. Eu sempre coido a cuestión de xénero. Pero nunca se preguntaría nun festival de todo tíos, por que son todo tíos. Non foi coller todo mulleres, senón que nos xuntamos as profesionais máis axeitadas para estes postos, sen ningún tipo de intencionalidade maior. Pero si que é certo que coidamos moito este tema. Tendemos a facer actividades paritarias, a buscar creadoras, iso de que non hai non é certo. Fixámonos moito en que haxa presenza feminina nas mesas, pero tampouco nos custa tanto. É unha cuestión de educar a ollada. Para min é algo que practico e fago todos os días. Digamos que temos coidado con iso. Si, somos bastante militantes. 

Comentarios