"O teléfono é un pequeno sistema feudal no que o produto somos nós"

Algoritmos, protocolos, intelixencia colectiva, Infektion, deshumanización... son conceptos densos, complicados. Non podía ser doutro modo nun ensaio de tecnopolítica. Mais a xornalista Marta Peirano (Madrid, 1975) fai de O inimigo coñece o sistema (Kalandraka, 2019) un volume accesíbel a todas as persoas interesadas en saber máis sobre tecnoloxía e liberdades.    
A escritora e xornalista Marta Peirano (CC)
photo_camera A escritora e xornalista Marta Peirano (CC)

Este libro chega nun momento no que a cidadanía está comezando a tomar conciencia de que a rede, internet e a tecnoloxía se están a converter progresivamente nun instrumento de control social por parte de gobernos e transnacionais. Están estas preocupacións nas súas orixes?

A orixe é unha viaxe que fixen a Chile, onde ía dar unha charla sobre sistemas de vixilancia e redes sociais. Chile é un país moi interesante, porque teñen unha lexislación moi laxa nese ámbito, ademais dun Goberno ao que lle gusta moito poñer sistemas de seguridade para vixiar os seus propios cidadáns. A Chile chego dúas semanas antes de dar a charla, e nese tempo doume de conta de que era moito máis importante explicarlles como funcionaba a súa infraestrutura, porque todas as persoas que coñecín estaban a traballar en cambiar a lexislación, cousa tamén importantísima, pero moitas veces a xente dedicada ao activismo contra a vixilancia non entende a tecnoloxía que hai detrás, e como determinados avances ou desenvolvementos facilitan a vixilancia en lugar de favorecer a privacidade. Por iso montei a conferencia arredor de como se desenvolveu toda a infraestrutura da internet en  Latinoamérica, en xeral, e en Chile en particular, porque debido á situación xeográfica privilexiada que ten como ponte cara o resto do continente, no norte do país, que é o que conecta cos demais países da contorna, empresas chinesas ou norteamericanas loitaban entre elas para instalar alí as súas infraestruturas, conexións e cable submarinos e, ao mesmo tempo, na parte sur, que é particularmente pobre e non conecta con nada, e por tanto necesita moito máis esa cobertura para desenvolverse, ningunha empresa acudía ao concurso público.

Significa isto algo máis que a esas empresas estranxeiras non lles importa nada alén da súa conta de resultados?

Si. Eu expliquei todo isto en Chile para que entendesen que cando se monta unha infraestrutura deste estilo a empresa estranxeira que vén e cho fai case gratis ten o seu negocio noutro sitio. É a mesma política que fan as grandes plataformas dixitais cando dan servizos de balde ou case gratis, fano porque o seu negocio é outro. Os gobernos que financian compañías como Huawei para que instalen infraestruturas baratas en terceiros países fano porque o seu negocio é outro, teñen a vontade de desenvolver un control sobre unha infraestrutura que é crítica nesta era na que vivimos.

O que se adoita dicir: “Cando o produto é gratis, o produto es ti”.

Esa é unha frase que repetimos todos moito, e que dixo no seu momento nun comentario un lector de Metafilter hai moitos anos, facéndose moi popular. Mais o problema é que cando pagas o produto tamén es o ti. Este modelo xa non é só de control, senón tamén é un negocio de explotación de datos de control de poboación e de movementos que se extrapola a todas as industrias, reconvertidas hoxe en industrias i+D. A industria do automóbil non quere facer automóbiles, quere facer computadores con forma de automóbil que rexistren os  datos dos usuarios. A  industria dos  electrodomésticos fai computadores con forma de electrodoméstico que rexistre todas as cousas que pasan na casa dos seus usuarios, convertéronnos así a todos en usuarios.

Rexistran todo o que consumimos, por exemplo, a través das neveiras intelixentes?

O rexistro do consumo é un feito, pero vai máis aló. Unha televisión intelixente non só rexistra que é o que estás a ver, tamén cantas persoas hai diante do televisor, que están a facer no seu móbil mentres a están vendo ou que persoas entran na casa, porque se ti levas un móbil no peto, este vai comunicarse coas  televisións intelixentes das inmediacións.

Eses datos que estamos transmitindo todo o tempo, consciente ou inconscientemente, quen os recibe? Quen esta vendo o que vemos nós,  quen sabe onde  estamos e, sobre todo, para que necesitan facelo?

Recóllenos as empresas das tecnoloxías que usamos, como as dos sistemas operativos Android -Google- ou OS X -Apple-. Porque isto está todo relacionado, se Android copa case o 90% do mercado de móbiles, entón todo o mundo fará aplicacións para o seu sistema operativo, e o intercambio que fai co feixe de empresas de aplicacións que desenvolven para a súa plataforma é o seguinte: “Ti, para poder poñer a túa app no meu sistema operativo, tes que obedecer as miñas normas. Eu dareiche aos meus usuarios do sistema operativo e ti, a cambio, darasme todo o que saques”. É un pequeno sistema feudal dentro do teléfono no que, basicamente, o produto que sae somos nós (TITULAR

Fala de empresas, pero entendo que tamén de gobernos. Hai pouco máis de dous meses, o español revelaba que, após un acordo con Movistar, Vodafone e Orange, rastrearía os movementos de millóns de persoas para, e cito textualmente, “un estudo con fins estatísticos”. Como chega esa información aos gobernos?

De moitos xeitos, mais depende do país no que esteas. Se te atopas na China, absolutamente de todos. Alí existe a Lei de Ciberseguridade do Estado, que obriga todas as empresas que rexistren datos a compartilas co Goberno. E como o da China, sucede noutros países baixo réximes totalitarios que centralizan todo nun só punto e teñen acceso aos datos de todas as empresas. Tamén está o caso do Goberno estadounidense, que até hai pouco tiñan a Lei Patriota, que en realidade renovaron pese a cambiarlle o nome, e que fai que todas as empresas estean obrigadas a proporcionar todos os datos que o Goberno lles pida, cando estea xustificado. Mais sempre está xustificado, pois axencias de seguridade como a NSA pásanlle ás grandes plataformas como Facebook, Microsoft ou Amazon unha serie de ordes que produce como churros un tribunal especial polas cales a empresa non só ten que facilitar esa información, senón que ademais tamén ten que ocultarlle ao usuario que os seus datos foron partillados.

Cal é a situación no Estado español?

Aquí viviuse con moito escándalo o tema do rastrexo para ese estudo estatístico do INE, escándalo xustificado, mais o Goberno xa viña facendo isto, só que logo da entrada en vigor en maio do pasado ano 2018 do Regulamento Xeral de Protección de Datos Europeo (RXPD) estaba obrigado a dicilo publicamente. Mais os que están a rexistrar eses datos son as operadoras, non o Goberno, o que pasa é que este ten acceso a eses datos para un proxecto específico. Por iso non é que agora o Estado español comezase a espiarnos, é que agora o RXPD obrígao a comunicalo, pero antes xa o facían.

Toda esta perda de liberdade, en especial no eido da telefonía móbil e os teléfonos intelixentes, ven daquela campaña ‘Identifícate’, levada a cabo desde 2007 polo entón ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, na que, en colaboración coas compañías do sector, se obrigou a identificarse a todos os posuidores dunha tarxeta de telefonía móbil co clásico pretexto da “loita contra o terrorismo”?

Pode ser, é unha moi boa pregunta que non sabería responder con exactitude. Mais no caso concreto do Goberno español si sabemos, por exemplo grazas a Edward Snowden, que colaborou coa NSA facilitando datos de cidadáns españois, cousa que non é particularmente legal, porque o seu traballo é protexelos, e non regalalos, así que, si, pode ser.

Que pode facer un cidadán preocupado pola súa liberdade e a súa seguridade para protexerse?

Eu levo 20 anos traballando nisto e defendo o uso de plataformas de software libre que protexan os teus datos, entre outras cousas. Mais no escenario actual, protexer os teus propios datos non é abondo. É dicir, ti podes reciclar todo o que queiras para loitar contra o cambio climático, pero non vai impedilo. Faise necesaria a acción colectiva, organizarse coa xente da localidade, do barrio, esixirlle aos políticos como van solucionar o problema dos datos, e como van protexer os nosos dereitos civís, porque o dereito á intimidade é un dereito civil, e non se pode renunciar a un sen renunciar a todos os demais.

No sentido desa renuncia aos dereitos civís, a primeira frase que se pode ler na contratapa do libro é “a rede non é libre nin democrática”. Trátase dunha aseveración?

Totalmente, porque as infraestruturas non son infraestruturas públicas. E non é democrática porque non sabemos como funciona. Para que sexan democráticas non só teñen que ser votadas ou non votadas, senón que tes que saber exactamente como funcionan, cales son os seus protocolos, como xestionan a información, a quen favorecen e a quen non... No momento en que son opacas e están xestionadas por empresas privadas sen vocación de servizo público, non pode haber ningunha desas cousas.

Que tal está sendo a resposta que está recibindo este libro, que acaba de ser traducido ao galego?

Moi positiva. En castelán vai pola sétima edición e está a aparecer en todas as listas dos libros do ano, incluída a do New York Times, para o que é un dos dez mellores do 2019, sendo ademais un dos dous únicos ensaios presentes na lista. Esta acollida sorprendeume moito, no sentido de que estamos ante un ensaio de tecnopolítica que, sen ser súper técnico, ten unha certa complexidade, mais eu son unha xornalista de tecnoloxía que se esforza en escribir sobre cousas complexas para que me entenda miña nai (Rí). Así que a verdade é que esta marabillosa acollida foi unha sorpresa moi agradábel.

Comentarios