A tecnoloxía protagoniza a Semana Galega de Filosofía

O evento celebra a súa XXXVII edición entre o 13 e o 17 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.
uvigo
photo_camera Ana Regueira, presidenta da Aula Castelao, con Jorge Soto. (Foto: Nós Diario).

Filosofía e Civilización Dixital é o título da XXXVII edición da Semana  Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 13 e o 17 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, con entrada libre e matrícula gratuíta.

As responsábeis da Aula Castelao, Ana Regueira e Montse Bragado, avanzaron durante a xornada de onte ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, parte da programación da Semana, que neste 2020 analizará "o modo no que as novas tecnoloxías transformaron a vida das persoas e a propia sociedade".

Así, "a Semana Galega de Filosofía volverá converter Pontevedra -en palabras do alcalde- na capital do pensamento". No foro de debate abordaranse ao longo de cinco días os cambios que as novas tecnoloxías supoñen nas formas de convivencia, na economía e mesmo nas formas de lecer.

Malia que a programación completa será presentada a vindeira sexta feira, 13 de marzo, nunha rolda de prensa, a Aula Castelao desvelou os nomes de dous dos quince conferenciantes que participarán nesta Semana: Antonio Rodríguez de las Heras, catedrático de Humanidades da Universidade Carlos III de Madrid; e Ana de Miguel Álvarez, profesora Titular de Filosofía Moral e Política na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid.

Rodríguez de las Heras centrarase en reflexionar "sobre a sociedade que se está conformando por efecto das novas tecnoloxías" e as consecuencias que isto provoca, "como son os cambios culturais ou, no ámbito educativo, coa estrutura e reorganización da linguaxe".

Ana Regueira apuntou, ademais, que este tipo de reflexións resultan "especialmente interesantes" para as persoas que se dedican á docencia, xa que inciden en cuestións que "afectan directamente ao ámbito de traballo e os retos aos que se teñen que enfrontar as docentes".

Pola súa banda, Montse Bragado anunciou a participación da "referente feminista" e profesora Ana de Miguel, que reflexionará sobre "como a sociedade patriarcal está a atravesar as novas tecnoloxías". 

Explicou que ultimamente está a analizar por que se están producindo "relacións desiguais" na xente nova, cando a nosa sociedade, polo menos a nivel formal, considérase igualitaria, polo que está a estudar como inflúe a internet nese eido.

Comentarios