Álex Sampayo, director

"O teatro está vivo, é algo que se move"

Álex Sampayo (Santiago, 1978) é un guionista, director e realizador galego. Traballou en publicidade, televisión e cine. Durante unha tempada compaxinou audiovisual e teatro, dedicándose agora aos escenarios a tempo completo. Actualmente fai parte da compañía Redrum Teatro coa que, como director, estrea este setembro o thriller A canción do Elefante.

Álex Sampayo
photo_camera Álex Sampayo

-Traballaches durante moito tempo en audiovisual e agora levas xa bastante anos dedicándote ao teatro, como foi ese cambio?

-Levo traballando con Redrum Teatro oito anos facendo espectáculos. Ao prinicipio compaxinei unha cousa e outra, televisión, cine e teatro e dende xa fai varios anos estou exclusivamente con teatro basicamente porque teño un control máis amplo do proxecto. Controlo todas as partes, todos os procesos dunha forma completa. Tanto en televisión como en cine sempre tes moita xente, que toma decisións que ás veces non son as correctas pero que as toman por ti. Creo que contar historias no teatro é algo máis artesanal. Para min é moito máis pleno. Consigo ter máis control e podo contar o que eu quero e da forma que eu quero.

-Son moi distintas as formas de traballo?

-Por suposto, porque en televisión e en cine enfróntaste con equipos de 30, 40 ou 50 persoas e en teatro é todo moito máis familiar. Tes a sensación de non estar traballando, senón de estar facendo algo que che gusta, case máis un hobby do que un traballo en si. Aínda que ao final son as mesmas horas de traballo e ao final entre ensaiar, a produción, a distribución e a promoción estás todo o día traballando no proxecto. Pero síntelo como máis teu.

No teatro consigo ter máis control e podo contar o que eu quero e da forma que quero.

-Esíxeche máis esforzo?

-Para nada. Ademais todo o esforzo de traballar en teatro vese inmediatamente recompensado polo público. Por cando vas a un bolo e ves como o público sinte o espectáculo e se sinte agradecido. Digamos que a televisión e o cine é un terreo moito máis árido. Non tes ese feedback instantáneo por así dicilo.

Eu co meu último proxecto, coa película Schimbare, estiven entre escritura, produción e estrea, seis ou sete anos para que ao final nin se chegase a estrear como eu quixen que se estrease nin se vise todo o traballo recompensado dalgún xeito.

A televisión e o cine é un terreo moito máis árido.

-A canción do Elefante é un thriller dun escritor canadiano. É o primeiro que dirixes que non está escrito por ti. Por que elixiches este texto?

-Cando les teatro de repente hai textos que che apasionan, que dis, este texto algún día teño que montalo. Despois, neste caso, este texto reunía varias circunstancias que a min me encantaban. Por un lado xogaba co xénero de suspense, de thriller, que para min é un xénero que me encanta. E por outro lado trataba sobre unha personaxe ao límite da loucura. Unha personaxe abandonada de pequeno, un abandono que condicionou a súa forma de vida.

Para min o teatro é moito máis pleno.

Por outro lado, era un único decorado, que é o despacho do psiquiatra, e tres personaxes. Reunía as circunstancias que a min me apetecían. Era un espectáculo producíbel para nós, como produtora de teatro pequena, como empresa pequena e que cremos que vai gustar moito ao público porque é un texto apaixoante na liña de novelas de Agatha Christie ou de cine de suspense estilo El silencio de los corderos. Creo que ten moitos elementos como para enganchar relativamente a calquera tipo de espectador teatral ou simplemente que lle guste seguir unha historia. É un texto moi universal. Fala tamén da sanidade pública, das relacións entre enfermos e doutores, desas liñas de poder... Creo que é un texto moi complexo e á vez moi fácil de seguir. É unha historia moi atractiva.

-A obra está protagonizada por Ernesto Chao, Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez. Xa traballaras antes con eles?

-Si, Guillermo Carbajo é socio xunto comigo de Redrum Teatro e dende o noso primeiro espectáculo, dende A pensión, vimos traballando xuntos. Con Ernesto Chao traballara en audiovisual e xa estivemos xuntos hai dous anos en Noiteboa que foi un espectáculo en 2015 que foi realmente un éxito. Estivemos por un montón de vilas de toda Galiza. Con Patricia Vázquez xa coincidira en Padre Casares e tiña moitas ganas de traballar con ela en teatro porque traballas doutra forma cos actores. Non tes a présa que tes no audiovisual, que tes catorce minutos para unha secuencia, tes que meterte coa outra. Despois as cousas saen como saen. Podes traballar o texto doutra maneira, con outros ritmos e con outros resultados, por suposto.

-Prefires traballar con actores que coñeces?

-Depende. En función de cada proxecto co que nos enfrontamos, en función de como sexa o texto, que habitualmente escribimos nós, pois xa sabemos máis ou menos os actores cos que queres contar. Tamén por actividade porque traballar no teatro non é de todo sinxelo. Para que te fagas unha idea, agora mesmo con Laura Míguez, estaba en cinco proxectos á vez: obras de teatro, series etc. Require dunha implicación por parte do actor. Ao longo dos anos vas collendo máis afinidade cun actor ou con outro, pero tamén estamos sempre dispostos a, en función do proxecto, atopar o actor que mellor lle veña a esa personaxe.

"A canción do elefante" reunía varias circunstancias que me encantaban.

-No teatro non notas máis a “presión” do directo?

-Si, pero é que iso está moi ben porque, en primeiro lugar, o espectáculo está vivo. Iso quere dicir que unha representación en Santiago de Compostela non ten nada que ver cunha representación de Lalín. Por que? Porque o público cambia, porque as reaccións son distintas, porque de repente un público engancha cunha parte da obra e outro público non, porque os personaxes, os actores que interpretan os personaxes, pois un día están moito máis lúcidos que outros e entón sacan matices que non sacan noutro bolo. O teatro está vivo, é algo que se move, e que depende moito do momento, do lugar, do día, de se fai frío, se fai calor... Son moitos elementos e todos eles fan que cada representación sexa única, distinta e que te encha. Os nervios do directo, iso de que unha vez que se diga esa frase xa non hai volta atrás, xa non se pode repetir, xa non se pode dicir “facemos outra toma”... Ese nervio do directo -para min como director, para min como técnico porque eu tamén son un dos técnicos que van á representación- é unha especie de veleno do teatro... Mesmo a min me pasa cando vou como espectador, sinto eses nervios dese actor ten que estar aí, ten que dicir ese texto, ten que facer iso determinado e vai ser único. Estás vivindo ti con el algo único e irrepetible.

Tiña moitas ganas de traballar con Patricia Vázquez en teatro. 

-Apetéceche voltar ao audiovisual?

-Non, polo momento non. Todo chegará. Creo que son fases, que estes anos van ser fases de teatro e quizais nun futuro pois volva a televisión e cine, pero depende. Aquí o importante é contar historias. Quizais quedei un pouco escaldado polo tema de contar historias en cine que leva tanto tempo e é tan duro que prefiro contar historias en teatro porque é máis asumíbel. Eu escribo hoxe un texto e sei que o ano que vén está posto, está traballándose, está vivíndose. O cine é máis complexo. Entran outros intereses, o que queira nese momento a cadea, que tema estea de moda... É moi cíclico, tes que atinar. Ás veces vas tarde e logo os proxectos quedan no caixón. Teño un caixón de proxectos repleto.

O espectáculo está vivo. Unha representación en Santiago de Compostela non ten nada que ver cunha representación de Lalín.

-Estás a pensar nalgún proxecto de cara o futuro?

-Si, nós en teatro sempre temos proxectos. Estrearemos a mediados de ano unha comedia e logo a finais outro espectáculo infantil. O ano pasado estreamos A nena que quería navegar, un espectáculo que trata sobre o acoso escolar e que aínda estamos xirando. Funcionou de marabilla. Ademais, a min éncheme moito saber que hai rapaces con este problema e que os estás axudando a verbalizalo, a falalo cos pais... E hai xente que se che achega ao final e che din que ben o que estades facendo. O ano que vén faremos un espectáculo dándolle un pouco a volta a este que se centraba na nena acosada. Agora queremos centrarnos nun neno acosador que é a outra cara da moeda que cremos que tamén vai servir para que os acosadores ou a xente que está cerca deles saiban como revertir este tipo de condutas.

Comentarios