Morgante publica 'A Torre de Peito Burdelo', obra pioneira da dramaturxia galega

O teatro rexionalista de Galo Salinas

Edicións Morgante vén de publicar, nunha edición facsimilar, A torre de Peito Burdelo, un drama histórico de Galo Salinas de 1890 que foi unha das poucas obras en galego representadas a finais do século XIX e que serviu, xunto a outras escritas polos autores rexionalistas, como pioneira dun teatro galego aínda por desenvolver. 
Galo Salinas.
photo_camera Galo Salinas.

“A Betanzos corresponde / pol-o enfamante decreto / entregar doce doncelas: / seis nobres de nascemento / e seis d'o pobo, e-a mais todas / de xentil fermoso aspeuto”. Así explica don Rodrigo de Ariza o “tributo das cen doncelas” que habían de pagar os reis cristiáns ao sultán de Córdoba. Segundo a lenda, cinco fidalgos da estirpe dos Figueroa reveláronse contra este tributo e mataron os mouros que viñan recoller as mozas empregando paus de figueira –por ese motivo o escudo de armas do marquesado de Figueroa luciría cinco follas desta árbore–, eliminando así o sometemento da Galiza ao califato de Córdoba. 

A partir da década de 1880, detéctase nos autores pertencentes ao movemento rexionalista a vontade de crear unha dramaturxia propiamente galega, e o drama histórico ocupaba un lugar destacado na recuperación do pasado na que se mergullaron

Existe en Abegondo a Torre de Peito Bordel, o lugar onde, segundo a lenda, concentraban as doncelas antes de envialas a Córdoba. E existe A Torre de Peito Burdelo, un drama en verso de Galo Salinas, publicado en 1891, que ven de reeditar Edicións Morgante en edición facsimilar. Don Rodrigo de Ariza é un dos seus personaxes e, se ben todo o mundo está de acordo en que a lenda é unha fantasía sen sustento histórico, a obra na que se basea mantén todo o seu interese. 

A partir da década de 1880, detéctase nos autores pertencentes ao movemento rexionalista a vontade de crear unha dramaturxia propiamente galega, e o drama histórico ocupaba un lugar destacado na recuperación do pasado na que se mergullaron despois da derrota política da Revolución do 68 e da Primeira República. Mari Castaña de Emilio Álvarez Giménez, Men Rodríguez Tenorio de Manuel Amor Meilán ou Pedro Madruga de Xoán Cuveiro Piñol, foron algúns dos dramas que rescataban episodios ou figuras históricas para enmarcar os seus argumentos. A Torre de Peito Burdelo facía parte desta corrente, sen a cal non se podería explicar a posterior dramaturxia dos autores das Irmandades da Fala.

Adaíl do rexionalismo 

Xosé María do Carme Galo Salinas Rodríguez foi un dos membros máis radicais do rexionalismo coruñés e unha das figuras esenciais na evolución do teatro galego. Con só doce anos de idade emigrou a Montevideo, onde se dedicou a comercio durante máis dunha década. Á súa volta á Galiza, estableceuse en Pontedeume, vila na que creou unha escola. Mais foi a partir do seu traslado á Coruña cando comeza a desenvolver unha actividade moi ligada ao xornalismo e o teatro e, en xeral, a cultura. Escribe para numerosas cabeceiras galegas e foráneas e funda, en 1895, a Revista Gallega. Semanario de literatura é intereses regionales, autoproclamada “Órgano oficial de la Liga Gallega en La Coruña” e publicación de cabeceira do rexionalismo na cidade herculina. 

Galo Salinas foi o autor da Memoria acerca de la dramática gallega. Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el regionalismo, que se pode considerar o primeiro tratado teórico sobre teatro publicado na Galiza. 

A Revista Gallega contaba na súa redacción con Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde Lores e Francisco Tettamancy, e entre os seus estreitos colaboradores estaban Manuel Lugrís Freire, Filomena Dato, Sofía Casanova ou Salvador Golpe, todos eles integrantes da Cova Céltica, o faladoiro que se reunía na libraría de Uxío Carré –a libraría Rexional– para tratar temas relacionados co devir do país e que Galo Salinas frecuentaría xunto con outros vultos da cultura da época, desde Murguía e Pondal até Brañas, Curros Enríquez ou Pascual Veiga.  

Galo Salinas escribiu un bo número de obras teatrais –¡Filla...! (1892), A Fidalga (1904), Alma Gallega (1904), Feromar (1907)...– e, ademais, foi o autor da Memoria acerca de la dramática gallega. Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el regionalismo, que se pode considerar o primeiro tratado teórico sobre teatro publicado na Galiza. 

Igualmente, foi o director da Escuela Regional Gallega de Declamación, o primeiro grupo de tetro estábel de ámbito galego. Malia que a Escola tivo unha vida curta e ateigada de incidentes –debidos, en parte, ao pouco entendemento entre Salinas e Lugrís Freire, que o sucedeu no cargo–, sentou un precedente transcendental no desenvolvemento do teatro galego ao se converter no referente para a creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega creado polas Irmandades da fala en 1919.

Teatro para representar 

A Torre de Peito Burdelo foi unha das poucas obras galegas que chegou a estrearse na época. Só sabemos da estrea de A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia, na Coruña, realizada polos afeccionados do cadro de declamación do Liceo Brigantino en 1882, e da obra de Galo Salinas, que se estreou en Betanzos, en 1891, a cargo dunha compañía profesional de zarzuela que tamén a representou en Pontedeume. 

Precisamente esta experiencia, que non debeu ser especialmente rendíbel no plano económico, foi a que serviu para convencer de que non abondaba con crear unha literatura dramática, senón que era preciso tamén crear compañías que a representasen.  

Comentarios