Teatro contra o recorte dos dereitos civís con “Dura Lex” en Pontevedra

“Dura Lex” é un alegato contra os recortes nos dereitos civís e políticos. A representación da obra de Volta e Dálle hoxe quinta feira en Pontevedra irá seguida dun coloquio no que participarán o xuíz Xermán Varela e o avogado de Esculca, Guillerme Presa. 

 

Dura Lex
photo_camera Dura Lex

Ás 21 horas, o Teatro Principal de Pontevedra abrirase para a representación de “Dura Lex”, un monólogo satírico que leva á escena o recorte das liberdades e dereitos civís a través dun monólogo interpretado polo actor Pepe Penabade. A continuación desenvolverase un coloquio no que participarán o xuíz Xermán Varela e o avogado de Esculca Guillerme Presas. A obra está dirixida por Carlos Santiago -tamén autor do texto- e Comba Campoy. 

O protagonista é un xuíz afastado das súas funcións por investigar casos de corrupción urbanística que anuncia unha máquina para abaratar a xustiza. Trátase dun artefacto no que a policía poderá introducir os datos para que a sentenza se xere automaticamente. Desde Esculca -entidade para a que irá o recadado na billeteira- consideran que a obra contribúe ao debate sobre a continua redución de dereitos sociais e civís que se está a producir. “Se se restrinxen dereitos económicos e sociais, por que haberíamos de confiar en que non fosen recortados tamén os dereitos políticos ou civís, que son vasos comunicantes? Limitar a capacidade reivindicativa das persoas leva a facilitar os recortes en dereitos sociais e económicos”, cuestionan desde Esculca.

A “lei mordaza” vén, ao seu ver, dar cobertura legal a unha situación que, de feito, xa se estaba a dar. “Ao se abstraeren determinadas faltas do código penal para as transferir ao procedemento administrativo evítase o control do xuíz penal e portanto elimínase o dereito á presunción de inocencia da persoa acusada. Se a isto sumamos a prevista prohibición de captar imaxes de axentes de corpos policiais, non é difícil imaxinar as consecuencias”, valoran desde Esculca. Poñen como exemplo a acusación a varios militantes do BNG de agresións a axentes na visita de Merkel a Compostela. “As imaxes captadas son elocuentes, por unha actitude agresiva dos propios axentes que agora se vira contra o grupo de manifestantes que o único que pretendían era montar unha parodia pacífica”, explican. 

A representación de “Dura Lex” en Pontevedra contribuirá a sufragar os gastos xudiciais de movementos sociais penados por exercer o seu dereito á manifestación. O espectáculo preséntase como divertido e crítico ao tempo, sen cuarta parede, co humor corrosivo de Carlos Santiago e unha interpretación con toques bufonescos de Pepe Penabade. 

Comentarios