O Teatro Principal de Compostela acolle a segunda sesión do 'Alguén que respira!'

Chega unha nova entrega do Festival de Poesía para Corpo Principal que vai decorrer o 21 de xuño e cuxas reservas están dispoñíbeis desde a quinta feira na web.
Azguime,Miguel,+Festival+Antena+2+,Teatro+da+Trindade,+16-02-2018,+Lisboa+1281520190301
photo_camera Unha das escenas de 'Salt itinerary' de Miguel Azguime. (Foto: Nós Diario)

A próxima segunda feira, 21 de xuño e solsticio de verán, chega a Compostela a segunda entrega do IV Festival de Poesía para Corpo Principal “Alguén que respira!, un evento cuxas reservas están dispoñíbeis desde a quinta feira. 

No programa, cóntase coa poesía vangardista do compositor e performer portugués Miguel Azguime, e coa “regueifa” itinerante de Xurxo Souto, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda.

Miguel Azguime achega ao Teatro Principal compostelán, ás 20.30 horas, a ópera Salt itinerary. Un evento que por mor das actuais restricións sanitarias ve limitada a súa capacidade de acollida de público, situación pola a organización do “Alguén que respira!” complementa o programa coas regueiras ao aire libre da man de Souto, Blanco, Teixeira e Maseda.

Os catro, a partir das 19 horas, formarán dúas parellas que sairán desde dúas prazas distintas, a de Praterías e a do Toural, para reunírense diante do Teatro Principal e levar a cabo alí  unha sesión conxunta á que se sumarán diversos instrumentos musicais.

De seguido chega a quenda de Azguime, un dos artistas portugueses “máis inquietantes das ultimas décadas”, afirman desde a organización, e vén á Galiza para estrear Salt itinerary, “unha reflexión sobre a creación e a loucura”.

O espectáculo é unha ópera multimedia que xira arredor da linguaxe, “da palabra-sentido e da palabra-son, ambas tratadas como dimensións da voz en canto extensión do corpo e totalmente integradas na construción escénica como proxección tanxíbel da resonancia das palabras”.

Miguel Azguime desenvolve audio, vídeo e procesos electrónicos en tempo real e asóciaos á proxección espacial da voz, da poesía, do xesto, da música e do trazo, “concibidos para desenvolver unha polifonía de sentidos, un contrapunto de significados e unha exuberancia de emocións”.

O artista está acompañado por Paula Azguime, videocreadora, e André Bartetzki, como videoprogramador.

As outras datas do festival

A realización desta segunda sesión do Festival “Alguén que respira!” o vindeiro 21 de xuño, súmase á que tivo lugar o 21 de marzo e na que participaron poetas novos e novas da Península Ibérica como Iago González, María Brás Ferreira, Martín Bidaur, María Isern, Belén Senín ou Mario Obrero.

As vindeiras citas serán nos seguintes equinoccios e solsticios do ano, o 21 de setembro e mais o 21 de decembro. 

Comentarios