O Teatro Principal de Compostela abre semestre con 12 actuacións da Rede Galega

Cigarreiras, de Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, e Sarabela Teatro, con Morgana en Esmelle, a adaptación da novela homónima de Begoña Caamaño, serán algunhas das obras que pasarán pola capital.

 

Representación de Cigarreiras no FIOT30 (Vanessa Rábade).
photo_camera Representación de Cigarreiras no FIOT30 (Vanessa Rábade).

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) da Xunta da Galiza ofrececerá 12 actuacións escénicas en Compostela durante este semestre. Delas, 11 son funcións teatrais de seis espectáculos e unha, de danza.

A programación deste circuíto cultural terá lugar no Teatro Principal, en colaboración co Concello, e comezará esta sexta feira ás 20.30 horas co espectáculo El dios del pop, a cargo de Diego Anido. Esta peza repetirá función o sábado 22.

A programación continúa a fin de semana seguinte con Cigarreiras, de Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, con sesións a sexta e o sábado ás 20.30 horas. A proposta está baseada na novela A tribuna, de Emilia Pardo Bazán e conta con sete actrices sobre o escenario. 

Xa en febreiro, os días 3 e 4, Sarabela Teatro será a encargada de iniciar as actuacións do mes co seu espectáculo Morgana en Esmelle, a adaptación da novela homónima de Begoña Caamaño.

Dúas semanas máis tarde, os días 17 e 18 de febreiro, Ibuprofeno Teatro representará Smoke in the water, mentres que o domingo 19 será a quenda de Pérez&Fernández coa coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) Os nenos da varíola, ás 18,30 horas.

En marzo, está prevista para os días 4 e 5 a representación da nova coprodución do CDG Rastros, da compañía Condetrespés. O cartel féchase o 20 de maio coa danza de Fran Sieira e o espectáculo De Mente. 

329 funcións e 40 espazos

Desde a Xunta lembran nun comunicado que a RGTA ofrece nesta período accións culturais en 40 dos seus espazos asociados. Sumarán así 329 funcións escénicas de 128 formacións, "gran parte delas, galegas". Entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo.

Comentarios