mércores 30/09/20

Teatro, ópera e bibliotecas, os 'parrulos feos' da cultura galega

A "falta de tempo" é o principal motivo que alega a cidadanía galega para non visitar máis museos, exposicións ou galerías de arte, pero tamén para non ler máis. Canda estas razóns, tamén xustifica na "falta de interese" o motivo para non acudir con máis frecuencia ás bibliotecas ou teatros.
aguiar06121922
Alumnos do IES na ópera bufa 'O loro de Carlos V', no Teatro Colón da Coruña. (Foto: Xunta da Galiza)

O Observatorio da Cultura Galega, un servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que mide hábitos e prácticas culturais na Galiza, vén de facer públicos os datos do seu último  Documento de Traballo (DT-OCG), que está baseado nos indicadores proporcionados por unha enquisa  realizada polo Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno español. 

Este documento de traballo analiza as prácticas culturais das galegas, é dicir, a súa "asistencia a espectáculos e eventos culturais, consumo de medios de comunicación, lectura de libros e convivencia e hábitos no ámbito familiar". 

Segundo a enquisa, o que máis lle interesa á poboación é, nunha escala de 0 a 10, a música (7,6), os contidos audiovisuais (6,5), a lectura (6,4), o cine (6), os museos (4,6) e as visitas a xacementos arqueolóxicos e exposicións (4,4). 

Suscitan menor interese as galerías de arte (3,5), o circo (3,5), o ballet (3,2) e a visita a monumentos (5,7). Cunha puntuación inferior a 5 atópanse o teatro e ópera (2,9) e as bibliotecas (2,5).

A "falta de tempo" e de "interese" son as principais causas que alega a cidadanía galega para explicar algúns dos seus hábitos culturais. Así, 30,8% non vai nunca a un museo, unha cifra máis baixa ca no conxunto do Estado; e os que asisten fan unha media de 2,5 visitas cada trimestre. Os que non len explícano sinalando que non teñen tempo (52%) e que non lles gusta (19,2%).

Ademais, o Observatorio da Cultura Galega estabelece unha correlación familiar ao constatar que as cifras son máis positivas na infancia e mocidade cuxos pais teñen hábitos culturais frecuentes.

Así, dous terzos da poboación galega que le tiña nais e pais lectores. O mesmo sucede con aproximadamente a metade dos que van ao cine, asisten a espectáculos escénicos e musicais e visitan museos.

comentarios