O teatro métese nos xulgados con “Dura Lex”

Con asesoramento legal, a compañía Volta e Dálle está a preparar “Dura Lex”, un monólogo que entra no corpo da xustiza para levar ao teatro de maneira corrosiva o actual recorte de dereitos e liberdades. Pepe Penabade sobre o escenario, Carlos Santiago como autor e director e Comba Campoy na dirección, produción e comunicación danlle vida a un espectáculo que recorre ao mecenado social. 

Ensaio de Dura Lex
photo_camera Ensaio de Dura Lex

Un xuíz expulsado da maxistratura presenta un invento que vai revolucionar o mundo da xustiza: Dura Lex Pro 1.0, unha máquina para facer xustiza. Salomón da Silva busca redimirse do seu castigo con esta creación na que traballou vinte anos. Coa máquina que patenta consigue abaratar custes, ofrece imparcialidade e fai innecesarios representantes da fiscalía e da avogacía. Con este argumento “Dura Lex” da compañía Volta e Dálle promete humor acedo e crítica satírica arredor da actual situación do mundo da xustiza e o progresivo recorte de liberdades e dereitos que se impón desde o goberno do PP. 

Sen axudas institucionais, Volta e Dálle recorre por vez primeira a un “micromecenado caseiro”, sen se inserir en ningunha das plataformas existentes, e conta co apoio xa de varios colectivos e entidades que se posicionan contra as eivas democráticas como é o caso de Esculca ou a CIG, entre outras. 

“Entendemos que a administración ten un papel na cultura que non se está a cumprir e tiñamos moitas dúbidas á hora de botar a andar a campaña de micromecenado porque pode entenderse que se busca suplir esa función mais animámonos xa que, sen apoios, o proxecto sería inviábel”, explica Comba Campoy, codirectora, produtora e responsábel de comunicación do espectáculo. 

Contra a "lei mordaza"

“O proxecto de lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como lei mordaza, será o cumio dunha serie de medidas que nos levan a concluír que cada vez temos menos dereitos e a xustiza non funciona igual para todo o mundo”, defende Campoy, das razóns que conduciron a Volta e Dálle a producir “Dura Lex”, unha obra en pequeno formato que buscarán adaptar a multitude de espazos, tratando de paliar tamén as dificultades da distribución teatral. Asociacións, bibliotecas ou bares poden así converterse en escenarios para este monólogo que contan estrear por volta de fins de abril. 

O xuíz estrela protagonista ofrecerá a sátira dunha xustiza que “cada vez máis mecanizada no que os individuos ou os colectivos pouco teñen que dicir diante dos intereses das grandes máquinas do poder”. O humor corrosivo de Carlos Santiago canda a interpretación “con toques bufonescos de clown” de Pepe Penabade, promete, ao dicir de Comba Campoy “un espectáculo divertido e crítico, sen cuarta parede, coa participación do público, se é que quixer”. 

Diante dos recortes de axudas á creación, buscan apoio en particulares e colectivos comprometidos en defensa dos dereitos e liberdades a quen lle solicitan unha achega individual que dará dereito a entradas para as representacións da obra ou achegas colectivas coas que se pode concretar unha representación particular do espectáculo. Na súa páxina web explican todo o procedemento para converterse en micromecenas de “Dura Lex”. 

Comentarios