María Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora

“No teatro de Manuel María hai unha vontade de pedagoxía social moi importante”

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume editado pola Fundación Manuel María as 33 obras de teatro que deixou o prolífico escritor. Ademais, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e escritora vén de ser recoñecida co diploma ad honorem no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) polos seus estudos sobre Rosalía de Castro e pola súa traxectoria feminista. Conversamos con ela ao respecto. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 318 de Sermos Galiza.

pilar
photo_camera [Imaxe: M.O]

7O libro recolle un total de 33 obras, algunhas das cales resultan inéditas e sorprendentes. A que responde a súa edición?

Do ponto de vista persoal era xa un vello compromiso meu, neste caso coa Fundación Manuel María, que mantén non unha memoria ritual do noso grande escritor, senón unha memoria viva, perseverante e con moitas actividades. En 2005 celebramos na UDC, con colaboración directa da fundación e coa organización da AS-PG, o Congreso Manuel María, e no programa houbo dúas palestras dedicadas ao teatro, a de Henrique Rabuñal –que está recollida nesta obra– e a miña. Arrinca de aí, como mínimo, a idea de preparar esta edición. Eu tiña un ponto de partida valiosísimo, que é o traballo de Camilo Gómez Torres, o grande investigador da obra total de Manuel María e é autor dunha tese de doutoramento sobre o escritor.

Aparecen citadas dúas obras que non demos atopado, dos anos sesenta. Non desistimos de que poidan aparecer. É unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega.

Precisamente, nos seus estudos sobre o autor demostra que non é amador, senón un dramaturgo de pleno dereito malia que a súa obra teatral non fose o suficientemente divulgada.

Exactamente, porque se privilexiou a súa amplísima e constante dedicación á poesía, mais aquí podemos comprobar a escrita teatral desde 1957 até 2001. Facémolo apoiándonos nas súas proprias declaracións, que pasaban por afirmar que para el o teatro era unha das actividades literarias que lle producían máis pracer.

Destacan os seus autos, un subxénero que Manuel María modernizou e adaptou dun xeito renovador ás necesidades da épica galega e da lírica galega como nación, segundo ten explicado vostede.

Aí cómpre lembrarmos en primeiro lugar o significativo de títulos como Auto do mariñeiro, Auto do labrego, Auto da costureira, que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo. Vai aparecer tamén a loita obreira, os conflitos de Vigo e Ferrol de comezos dos anos setenta, nunha historia sindical e de mobilización social galega enorme que non existiu na historiografía española. Aí hai unha redefinición da épica e do auto tradicional, un xénero de amplísimo tratamento do denominado ‘Siglo de Oro’ da literatura española e mais da literatura portuguesa, mais nun sentido estabilizador e rendendo un servizo cerrado e dogmático á xerarquía católica, unha pedagoxía social conservadora e bloqueante de calquera protesta social. Aquí Manuel María a esa modalidade teatral dálle a volta, como tamén o fixeron no seu tempo Rosalía de Castro ou Castelao coa épica do pobo galego. Esa é toda unha veta interesantísima da tradición literaria galega. Na lírica tamén, porque hai no comezo un teatro poético, un entrecruzamento de xéneros literarios e outras moitas opcións temático-estilísticas. Hai unha auténtica construción da historia de Galiza, a través da ficción teatral en tempos onde non existían manuais da historia de Galiza. E unha componente didáctica e de pedagoxía social moi importante.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios