Congreso

O teatro galego debate o seu futuro pensando en común

O teatro galego precisa repensarse. E isto é o que, "Co 2030 no horizonte", está a facer o sector desde hoxe na Cidade da Cultura, no marco do I Congreso Galego de Teatro. O obxectivo é ambicioso: trazar as liñas dunha lei do teatro e dun plan estratéxico para a próxima década, desde un debate plural que conxuga, nas múltiples frontes abertas, "o académico co político", explica Imma António, presidenta da Academia Galega de Teatro.

Imma António na primeira xornada do Congreso de Teatro Galego [Martín Lagoa].
photo_camera Imma António na primeira xornada do Congreso de Teatro Galego [Martín Lagoa].

O primeiro Congreso Galego de Teatro arrincou hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nunha cita histórica que se marca un obxectivo abondo ambicioso: deseñar un plan estratéxico e unha lei do teatro para a próxima década.

"Co 2030 no horizonte" xa dá conta do foco no futuro que atravesa a análise sectorial desde diferentes perspectivas, coa pluralidade como bandeira. Así acontecerá até o sábado, cunha gran cantidade de intervencións en forma de conferencias plenarias, comunicacións individuais ou mesas de traballo.

Esta liña de acción bebe dunha necesidade que vén de lonxe, pois hai xa máis de 30 anos desde o Primeiro Encontro de Teatro Profesional en Ferrol, cun espírito de posta en común que se mantén neste simposio. "Intentamos e conseguimos implicar a todas as voces", celebra Imma António, presidenta da comisión organizadora e da Academia Galega de Teatro.

Na era da pos crise

O congreso deu comezo cunha conferencia plenaria de Cristina Domínguez, vice directora da Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD), na que introduciu xustamente a tópica do "Teatro galego proxectándose cara ao século XXI: os desafíos da pos crise".

Se a disciplina comezaba a constituír unha "folla de ruta" a finais do pasado século, viu tronzado este sendeiro coa crise de 2009 e as dramáticas -con perdón- consecuencias nas artes escénicas, condicionada ao tempo polos profundos cambios sociais, políticos, demográficos, culturais e a transformación dixital, que "puxeron en evidencia a fraxilidade dun sistema teatral aínda en construción. Sen plans, orzamentos, nin políticas culturais que axuden á reconstrución e cohesión do sistema", comezaba Domínguez a súa intervención.

Sumada á crise económica, da que o sector aínda non se tiña recuperado, chegan agora os fortes efectos da sanitaria a constatar, aínda máis, "a inestabilidade do construído até o momento". O debate e o diálogo ten vocación de erguer "estruturas con alicerces máis sólidos", explica António.

O debate e o diálogo ten vocación de erguer "estruturas con alicerces máis sólidos", explica António

O evento, previsto para marzo, tivo que ser adiado pola pandemia e afronta hoxe unha situación aínda máis precaria. Na práctica, as 300 persoas inscritas quedaron reducidas a menos da metade no presencial.

Porén, António sinala que a adopción de streaming e fórmulas virtuais "abriu portas" para a participación doutros lugares que non terían a oportunidade doutro modo. No que atinxe aos contidos, nun primeiro momento comenta que se valorou refacelos para incluír a pandemia.

Mais non foi preciso, pois as propias persoas participantes estaban a incorporala nas súas reflexións de maneira natural. "Se a situación era xa crítica, agora estamos nas últimas", di.

Tantas frontes abertas

Os desafíos do congreso recollen "moitas frontes abertas", mais houbo unha procura de "equilibrar o académico co político". Como funciona a distribución? Para que públicos? Atende o teatro ao rol que debe desenvolver na sociedade como servizo público ou dereito da cidadanía?

"O principal é facermos preguntas, para comezar a atopar as respostas", sinala António.

"O principal é facermos preguntas, para comezar a atopar as respostas", sinala António. E nelas entran tamén a identidade e a lingua, e o papel que xogan na actualidade. Ou o rol que está chamado a xogar o Centro Dramático Galego, que presentou hoxe no marco do congreso as liñas da súa programación futura. Sen esquecer tampouco o "diálogo cos poderes públicos, para lembrarlles a súa responsabilidade".

Os resultados do informe

Para todo isto, resultan absolutamente fundamentais os datos presentados onte como resultado dun completo informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura.

Este documento emprega unha metodoloxía relacional innovadora na que entran en xogo as perspectivas de tres axentes, recollidas nunha investigación propia mediante enquisas a segmentos representativos de público, creadoras e xestoras.

Nesta radiografía sen precedentes do sistema teatral galego apréciase, por exemplo, a contradición entre algunhas percepcións.

Os programadores e os profesionais consideran que o teatro familiar é o xénero mais demandado, pero o público asegura que prefire o de adultos (o 70,6%). Outros desaxustes apareceren entre oferta e demanda: ao público gústalle o musical (23,7%), xénero moi pouco ofrecido e con poucos profesionais.

O estudo tamén desvela que 51,5% dos espectadores aposta polas funcións en galego, preferencia máis elevada nos máis novos e nos espazos rurais

O estudo tamén desvela que 51,5% dos espectadores aposta polas funcións en galego, preferencia máis elevada nos máis novos e nos espazos rurais. Aliás, 54,4% dos espazos escénicos analizados ofreceron en 2018 unha programación integramente en galego e só o 3,6% programaron menos da metade nesta lingua.

No que atinxe á difusión, as redes sociais son a canle máis habitual, con Facebook á cabeza, seguida do "boca a boca". A metade da xente compra a súa entrada na mesma semana que vai ter lugar a función e o sistema de abonos é escasamente utilizado (só 6,5% das que podían fixeron uso del e só 14,7% dos teatros o ofrece).

Perfil medio

O perfil medio de público é o dunha muller de 42 anos, con estudos universitarios e ingresos medios mensuais superiores a 1.200 euros. Cada ano asiste a unha media de 6,7 funcións e gasta por volta de 84 euros.

A figura que se encarga da programación adoita estar escasamente profesionalizada. É normalmente unha muller duns 49 anos, funcionaria ou persoal laboral, con baixo nivel de formación regrada na xestión cultural e que desenvolve tamén outras funcións.

Máis da metade dos profesionais que se dedican ás artes escénicas son homes (52,4%) e contan cun amplo nivel de formación (73% ten titulación universitaria). A realidade laboral é moi precaria, 61,9% dos profesionais non acada o salario mínimo interprofesional e só 31,3% percibiu ingresos unicamente da súa actividade escénica.

Percepcións diverxentes

O informe constata tamén unha discrepancia sobre o que suporía unha redución dos prezos das entradas: 19,8% dos profesionais pensa que tería un efecto positivo fronte a 60,6% do público.

Atoparemos outros datos curiosos, como que unha das principais preocupacións á hora de asistir ao teatro é termos sitio no aparcadoiro. Fóra do anecdótico, a pluralidade de perfís que atende o documento vólveo unha ferramenta especialmente útil, que de seguro dará pé a traballos futuros.

Sen caer no pesimismo de datos desalentadores que se conxugan con outros positivos, António entende que o informe serve para "pór en perspectiva" e ter claros os "puntos fracos e fortes" do sector.

Pois contra a manida frase de que o teatro "está en crise desde que naceu", destaca que é a súa unha manifestación artística das que se atopan máis ao pé da sociedade e se prega á evolución desta, sempre en cambio. Aliás, o teatro ten "certa vertente de revolición". Se cadra por iso, o teatro é hoxe máis necesario ca nunca.

Comentarios