Cultura

O teatro galego a debate académico e político

O I Congreso Internacional do Teatro Galego terá lugar de 25 a 28 de marzo na Cidade da Cultura (Santiago)
Viaxe a ningunha parte de Sarabela teatro
photo_camera Viaxe a ningunha parte de Sarabela teatro

O I Congreso Internacional do Teatro Galego, que terá lugar na Cidade da Cultura (Santiago) de 25 a 28 de marzo, vén de completar o seu programa, que xa é público. O obxectivo do simposio é, dunha banda, analizar o pasado e o presente do teatro galego, ao tempo que deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.

Tres serán as liñas chave: "Experiencia, actualidade e modelos externos", "O teatro e os públicos" e "A creación e os seus procesos". Cristina Domínguez, vicedirectora da Escola superior de Arte Dramática da Galiza, introducirá o primeiro, mentres outros convidados de fóra do sistema galego se ocupan de impartir conferencias arredor dos outros eixes. O actor Domènec Reixach, tamén director e xestor teatral, tratará os públicos e Carme Portacelli, directora de escena e exdirectora do Teatro Español de Madrid porá o foco na creación.

Ademais, unha ducia de mesas de traballo debullarán temas como A experiencia acumulada; Retos actuais; Modelos externos; A creación e o público; Distribución... Máis dunha vintena de comunicacións particulares, por outra banda, analizarán cuestións como a deontoloxía na profesión teatral, o emprendemento, as aulas universitarias de teatro, a tradución de textos teatrais ou os procesos colaborativos.

Paralelamente, presentaranse proxectos como a Colección de Teatro da Editorial Galaxia, a Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, a colección de textos bilingües Premios de Teatro Rafael Dieste.

Comentarios