Artes escénicas

Teatro do Atlántico celebra 35 anos sobre as táboas con catro reposicións

Hoxe ten lugar a primeira das representacións, no Salón Teatro de Compostela, de 'Helena: xuízo a unha lurpia' (Miguel del Arco), na que a personaxe mitolóxica se rebela e se dirixe ao público do século XXI para protestar sobre como foi contada a súa historia.
'Helena: xuízo a unha lurpia', de Teatro do Atlántico.
photo_camera 'Helena: xuízo a unha lurpia', de Teatro do Atlántico.

Teatro do Atlántico leva nada menos que 35 anos sobre as táboas, que se din axiña. A pesar da pandemia, decidiron festexalos facendo o que mellor saben: actuar. De tal maneira, presentan desde hoxe catro reposicións das súas últimas montaxes.

A compañía que dirixe Xúlio Lago abre os actos coa posta en escena de Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco, na que a personaxe mitolóxica se rebela e se dirixe ao público do século XXI para protestar sobre como foi contada a súa historia.

Mañá, a festa continúa con A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, relato baseado na biografía de Phoolan Devi, destacada referencia dos feminismos da India.

O sábado representan Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. Esta peza recolle, en chave de traxicomedia, o encontro entre unha viúva, ancorada ao pasado e que se resiste a abandonar a esfarelada casa que habita, e unha profesora de mediana idade obrigada polas circunstancias a traballar nos seus labores domésticos.

O domingo resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos.

Prolixa traxectoria

Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída alá por 1985 por María Barcala e Xúlio Lago.

As súas producións, realizadas sempre en lingua galega, teñen recibido multitude de galardóns e realizado xiras por case todo o territorio estatal, con participación en numerosos festivais, tamén a nivel internacional: FITEI de Porto, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas...

En 2016, recibiu o Premio da Crítica da Galiza no apartado de Artes Escénicas.

Comentarios