Debate aberto na Coruña: Teatro Colón ou Teatro María Casares?

Diversidade de opinións sobre o nome que debería adoptar o maior teatro da cidade.
Exteriores do Teatro Colón da Coruña.
photo_camera Exteriores do Teatro Colón da Coruña.

O Teatro Colón, deseñado polo arquitecto Jacobo Rodríguez-Losada Trulock, abriu as súas portas en 1948 e, desde entón, tornou nun dos emprazamentos imprescindíbeis do sector cultural na Coruña. Ninguén dubida da súa relevancia e do peso que aínda hoxe segue a ter na cidade... non así no caso do seu nome, que ten sido cuestionado en numerosas ocasións, pois son moitas as voces que pulan por render homenaxe á actriz coruñesa María Casares, quizais o rostro máis visíbel da historia da escena galega.

Este eterno debate volveu saír a colación na mañá desta sexta feira da man de Valentín González Formoso e Xosé Regueira, presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña, preguntados polos xornalistas na rolda de prensa que ofreceron para presentar a nova rede comarcal pública de residencias de maiores. O primeiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE, avoga por manter a denominación actual; o segundo, porén, convida a "debatelo".

González Formoso enxalzou a prolífica traxectoria da actriz e os seus méritos nos escenarios, pero defendeu que hai "mil maneiras" máis de recoñecer María Casares sen necesidade de pór o seu nome ao teatro. Regueira, pola contra, cre que a actriz "ten dereito" a gozar desa distinción e chama a reabrir o debate.

No plano municipal, o pleno da corporación rexeitou o pasado ano, cos votos en contra de PSdeG e PP e o apoio de BNG e Marea Atlántica, unha iniciativa presentada pola edil non adscrita Isabel Faraldo que buscaba renomear o teatro como 'María Casares'. Alegaron daquela 'populares' e socialistas que habería que buscar outro "espazo acorde" para homenaxeala.

Tamén o colectivo na defensa do sector cultural 'Unímonos ou Afundimos' téñense pronunciado en reiteradas ocasións a prol desta mudanza, que vían como o "colofón perfecto" ao ano 2022, no que se conmemorou o centenario do seu nacemento.

E a proposta vén de vello. Xa en 2006, por exemplo, o Ateneo Republicano da Galiza (Arga) avogara por denominar o edificio Teatro María Casares entendendo que era a homenaxe que "merece" a actriz.

Comentarios