O Teatro Colón inicia un ciclo centrado na temática LGTBI

O teatro coruñés vén de presentar 'Colón Queer', un ciclo que porá sobre as táboas catro propostas que englobarán textos dramatizados, teatro, danza e unha gala de Drag Queens.

O proxecto Colón Queer nace, segundo a institución, coa idea de dar cabida no teatro a toda a diversidade afectivo-sexual desde unha perspectiva cultural, dinámica, inclusiva e positiva, e dará comezo o vindeiro 10 de marzo coa representación de 'Pantone', textos dramatizados de temática LGTBI+. O ciclo continuará o 24 de marzo coa danza contemporánea de 'Eu'; o 28 de abril coa obra Judy Garland 'Alén o Arco da Vella', e rematará o 16 de maio coa Gala Drag Prix.

José Díaz Castro, representante de ALAS (Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual), explicaba a posta en marcha do proxecto como unha necesidade de “normalizar e incluír dentro da programación dos teatros e das artes escénicas a realidade do colectivo LGTBI”. 

Segundo explicou Xosé Leis, director dunha das montaxes, a selección dos espectáculos busca “afondar na realidade LGTBI presentando propostas atractivas, artisticamente interesantes, e que abranguen todo tipo de artes, desde o teatro convencional até a danza pasando por proxectos inspirados no cabaret”.