O Teatro Afundación de Vigo si cancela o espectáculo de Cremades

Mentres o teatro Colón da Coruña se nega, o Teatro Afundación de Vigo vén de anunciar que cancela o espectáculo de Jorge Cremades 'Te odio, pero como amigo', acusado de "machista", que estaba previsto para o vindeiro 24 de marzo. 

jorgecremades
photo_camera Jorge Cremades

Afundación, a obra social de Abanca que xestiona este teatro, así llo trasladou oficialmente esta tarde aos promotores do evento. Segundo afirma nun comunicado, "Afundación é unha entidade absolutamente respectuosa coa liberdade artística e creativa de intérpretes e autores. Non obstante, conscientes de que a violencia machista é unha grave lacra social, non podemos nin debemos ser insensibles ao profundo rexeitamento que suscitou Jorge Cremades tras as súas declaracións a un medio de comunicación, efectuadas con posterioridade ao comezo da venda de entradas para o espectáculo".

Mentres, no Teatro Colón da Coruña, os datos indican que Cremades vai conseguir esgotar as entradas

Vai encher no Colón

Mentres, na Coruña o Teatro Colón prosegue coa venda das entradas para o mesmo espectáculo o día 25 deste mes, a pesar das presións da Deputación da Coruña, propietaria do teatro, e da petición a través da plataforma Change.org. De 845 butacas, xa só quedan á venda 205, o que indica que o máis probable é que se esgoten as entradas. O Colón está xestionado por unha UTE liderada por Eulen, que se nega a cancelar porque as condicións do contrato llo impiden, o que lle suporía serios prexuízos económicos.

Este mesmo espectáculo xa foi  anulado en varias cidades do Estado, como Bilbao, Elxe ou Xixón

Este mesmo espectáculo xa foi  anulado en Bilbao por decisión do Concello, "xa que non é acorde" coa súa política de igualdade, e tamén en Elxe e na Laboral de Xixón. 

Jorge Cremades (Alacant, 1988) defínese a si mesmo na súa web como "un dos creadores máis influíntes do panorama actual". Seguido por máis de 400.000 persoas no Youtube, os seus vídeos son fenómenos virais. E os seus fans no resto das redes sociais non son menos: máis de cinco millóns en Facebook e máis de 100.000 en Twitter, entre outras. Ademais, acaba de publicar un libro co mesmo título do espectáculo.  

Comentarios