Tradución galega do clásico de Molière

'O Tartufo' en tempos tartufos

Os clásicos teñen a estraña capacidade de falar a calquera tempo. Ao pasado, ao presente, ao futuro. Emerxen cando non son agardados e métense onde ninguén os chama. Esta cualidade intempestiva é unha que das adorna O Tartufo de Molière, polo menos segundo entende o seu tradutor ao galego, Henrique Harguindey. “A súa vixencia é plena nesta realidade tartufiana”, di.
 

tartufo CDG
photo_camera 'O Tartufo' na versión do Centro Dramático Galego. Foto: Consellaría de Cultura.

“Desde a súa aparición no século XVII é un clásico”, esténdese, “que foi atraendo o mundo do teatro. Os mellores grupos e os mellores directores fixeron o seu Tartufo”. Esta historia de dobres morais, hipocrisías e imposturas, mediocridades e traizóns, en que o personaxe que dá título á obra intenta apropiarse dos bens de Orgon, representouse por primeira vez en 1664. Laiovento publícaa agora en galego. E en verso, como foi escrita orixinalmente.

Xa no século XX, recorda Harguindey, para o dramaturgo catalán Adolfo Marsillach, os tartufos eran os tecnócratas do Opus Dei. E segundo o cineasta alemán Friedrich Wilheim Murnau, que rodou a súa versión en 1925, un aviso do nazismo. “Hoxe estamos outra vez en tempos tartufos, con eses soinamoinas, eses hipócritas que nos gobernan”, insiste, antes de lembrar episodios da peripecia galega do Tartufo.

“Hai uns dez anos, Teatro de Ningures, unha compañía do Morrazo, fixo un moi bonito, adaptado por Etelvino Vázquez e Xosé Manuel Pazos. Tivo moitas funcións escolares, e con grande éxito”, relata. O Centro Dramático Galego tamén se enfrontou a el, en 2016. Harguindey ía encargarse da tradución mais un problema de saúde impediullo. “Foi un Tartufo moi interesante, aínda que eu prefiro respectar o verso, a idea de Molière”, engade.

Con todo, o camiño da peza non resultou, de entrada, doado. “Molière chegou a facer ate tres versións e numerosas xestións ante o rei Luís XIV. Mais en ausencia do monarca, o presidente do tribunal de París, que era do partido da Confraría do Santo Sacramento, prohibiuna. Un crego chegou a pedir que queimasen o autor”, conta Harguindey. Logo dunha pelexa de anos, conseguiu autorización real para ir a escena. A edición de Laiovento inclúe os tres plácet que o autor dirixiu a Luís XIV e mais o prólogo en que “Molière realiza unha inmorrente defensa do teatro”.

Henrique Harguindey, de cuxo escritorio saíron traducións de Vítor Hugo, Voltaire, Raymond Queneau, Alfred Jarry ou Ionesco, decidiu emprender a tarefa sobre o Tartufo en verso. “El escribiu en prosa e en verso. O burgués fidalgo, que tamén traducín para Laiovento, está en prosa. É un traballo de reloxaría. Mais esta fíxoa en verso. Resulta máis complicado, pero todo é cuestión de traballo”, expón, “para min é unha obra coral, polifónica, como música ou danza, harmónica e melódica”.

Non será a primeira incursión galega dos textos de Molière (1622-1673). Ademais do Tartufo e O burgués fidalgo, Antón Vilar Ponte pasara O avarento nos anos vinte. E os dramaturgos Eduardo Alonso e Manuel Guede traduciron O enfermo imaxinario en 1986 para o Centro Dramático Galego. “Coa versión en verso do Tartufo estou satisfeito. O galego estaba diante dunha proba de lume e deu a talla”, conclúe Henrique Harguindey.

Comentarios