Tanxugueiras acudirá ao festival que abre as portas de Eurovisión

A formación galega acturá a canda outras 13 artistas a finais de xaneiro no Benidorm Fest, preselección do Estado español para o Festival de Eurovisión 2022.
Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)

O Benidorm Fest xa ten cartel completo e está formado por 14 artistas entre as que se atopan Tanxugueiras. A finais de xaneiro actuarán na localidade alacantina cun tema titulado 'Terra'.

Segundo informa RTVE, o ente público decidiu ampliar as candidaturas para a selección do tema que representará España en Eurovisión de 12 a 14 cancións "dada a calidade das propostas das 886 recibidas durante o proceso e a fin de ofrecer o maior espectáculo musical".

"Levamos unha liña de traballo moi rigorosa, onde valoramos a autenticidade, a innovación, universalidade das candidaturas, a tolerancia de todo tipo de xéneros musicais, a paridade, e todo iso dunha maneira moi transparente", explicou a xefa da delegación española Eva Moura na presentación do cartel.

Entre as propostas escollida, a de Tanxugieiuras. O grupo atende así a aposta das e dos eurofanáticos, que nunha das plataformas máis importantes sobre o festival, elixíronas como as gañadoras grazas á canción 'Figa'. Foi o primeiro paso, o que as animou a confirmar a súa candidatura ao Festival de Benidorm, recuperado para elixir a representación estatal a este concurso a través das redes sociais.

Terra

Tanxugueiras serán as primeiras en levar un tema nunha lingua que non é o castelán. Como seguidoras do certame internacional, están "moi agradecidas a toda a xente que nos votou e que nos deu ánimos para presentar un tema", declararon nunha entrevista concedida a este xornal.

Sobre a decisión final de continuar a aventura cara a Eurovisión, Aida Tarrío recoñece que "é un espazo ideal para amosar a calidade cultural e musical que temos na Galiza. Contribúe a impulsar a música en galego e sobre todo a normalizar as linguas cooficiais. Ao final, non deixan de ser outras linguas como o castelán e é preciso normalizar esas situacións para que, por exemplo os nenos e nenas, non se avergoñen de falar o galego, o catalán ou o euskera".

E sobre o tema que elixiron para competir e estar en Eurovisión 2022, 'Terra': "É un tema en galego, con pandeiretas, coa nosa sonoridade e cos nosos ritmos, todo o que somos nós, o que bebemos da nosa cultura e da nosa música tradicional. Non é un tema 'popeiro', é un tema de raíz, como somos nós". 

Benidorm Fest

Ademais de Tanxugueiras, no Benidorm Fest tamén actuarán: Azúcar Moreno, Blanca Paloma, Chanel, Gonzalo Hermida, Javiera Mena, Luna Ki, Marta Sango, Rayden, Rigoberta Bandini, Sara Deop, Unique, Varry Brava e Xeinn.

A respecto desta escolla, desde RTVE salientaron que se "deu peso a artistas de éxito no noso país, a novos talentos, e tamén ás cancións.

Comentarios