As Tanxugueiras rebulen nas redes sociais, tamén en novembro

As cantareiras festexan o aniversario de Contrapunto con actividade virtual na liña que levan meses a desenvolver, enxergando o país coas súas conversas. Hoxe conversarán a través das redes con Isabel Risco
As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)
photo_camera As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)

Tanxugueiras achégase á celebración do primeiro aniversario do lanzamento de Contrapunto, o seu último traballo discográfico, cun lote de actividade. O grupo conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro segue a aumentar a súa axenda de concertos ao vivo e actividade virtual co fin de manter, dentro das súas posibilidades, o maior contacto co público.

Logo do seu sold out na sala Rebullón e a súa participación no VI EXIB Music Live de Setúbal, as cantareiras asumen novos retos. No mes de novembro, o trío continuará coas súas conversas semanais "Mira unha cousiña…", nas que botan, a través das redes sociais, unha ollada á actualidade da man de figuras do ámbito cultural.

Logo de parolar hoxe coa actriz Isabel Risco, as convidadas das vindeiras semanas serán a graffiteira Nana (9 de novembro), a poeta Míriam Ferradáns (16 de novembro) e o cantante de Rebeliom do Inframundo, Nervo (30 de novembro).

Conta as violencias machistas

Por outra banda, seguindo a liña iniciada o pasado mes de outubro de contacto con colectivos ou iniciativas sociais, e no marco da semana de celebración do 25-N, Día Internacional contra as Violencias Machistas, as integrantes de Tanxugueiras coñecerán o labor que desenvolven as traballadoras que conforman a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM).

Así, o 23 de novembro, as Tanxugueiras abrirán a fiestra virtual para coñecer o papel dos CIM e da situación da muller na Galiza da man de Lucía Núñez, secretaria de ASOCIM e traballadora do centro de Monforte.

Ao vivo

Ademais desta iniciativa virtual, Tanxugueiras mantén a súa actividade nos palcos con citas o 13 de novembro en Vilalba, o 11 de decembro no Pazo da Cultura de Narón e o domingo 20 en Cerceda.

Comentarios