Tanxugueiras, presenza destacada no programa de 400 actividades do Arde Lucus 2022

O día 9, o Arde Lucus comezará co tradicional encendido do lume sacro de Vesta, e a entrada na cidade das lexións romanas que pretendían tomar Lugo.
Actuación do Arde Lucus de 2021. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
photo_camera Actuación do Arde Lucus de 2021. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta segunda feira o programa da edición de 2022 do Arde Lucus. Máis de 400 actividades que decorrerán entre o 9 e o 12 de xuño, e que terá como destacado un concerto das Tanxugueiras.

Méndez estivo acompañada de representantes das 19 asociacións que participan activamente na organización da festa.

O día 9, o Arde Lucus comezará co tradicional encendido do lume sacro de Vesta, e a entrada na cidade das lexións romanas que pretendían tomar Lugo.

A partir dese momento, decorrerán tres días de actuacións musicais, circo romano e vodas celtas, encontros entre tropas romanas e celtas.

Unha das novidades desta 21ª edición será o desenvolvemento dun espectáculo de realidade aumentada na Mosqueira, co que se pretende recrear a época de esplendor de Lugo no século I, e que será pioneiro na Galiza.

"Recuperar a normalidade"

En declaracións aos medios de comunicación, a rexedora de Lugo afirmou que "estamos ante unha cita moi importante porque recuperamos a normalidade, e recuperaremos o Arde Lucus no seu esplendor".

"As asociacións son a 'alma mater' do Arde Lucus e volvemos con todo o esplendor de actividades, con máis de 400", subliñou Méndez.

Neste sentido, puntualizou que Lugo está nunha "etapa moi ilusionante" no camiño de conseguir "o distintivo de festa de Interese Turístico Internacional, e é onde focalizamos os esforzos nos dous últimos anos".

"Temos o foco posto na internacionalización da festa para que este ano demos ese paso último para poñela no mapa internacional", concluíu.

Comentarios