[VÍDEO] Así soa 'Desidia', o novo tema das Tanxugueiras

O trío de pandeireteiras interpretará este sinxelo na súa xira, 'Midas'.

Tanxugueiras, a banda formada polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e mais Aida Tarrío, estreou esta sexta feira o seu novo videoclip, 'Desidia', un tema no que, afirman, buscan reivindicar "a necesidade do autocoidado".

"Ás veces cómpre parar e escoitar o noso corpo. Entender o que nos di e o que nos pide, sen que nos teñamos que sentir culpábeis por non ser, non dar, non chegar ao que se nos exixe ou autoexiximos. Temos que nos sentir libres desa falsa culpa. Podemos parar, sen ser xulgadas, para poder volver, gozar de nós e dos nosos movementos, e pisar máis forte aínda", sinalan as pandeireteiras.

A música e as letras das cantareiras, inspiradas na música tradicional galega e na lírica popular, afondan nese camiño.

"Desde o desleixamento á valentía de recoñecer a necesidade de parar. Desde o punto no que os movementos do baile e dos corpos se atopan e acompañan, como metáfora, o proceso de volver estar en pé", afirman desde o grupo.

Un intre do videoclip de Desidia. (Foto: Polaride)
Un intre do videoclip de Desidia. (Foto: Polaride)

Este novo tema vén acompañado dun videoclip dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan que foi rodado en Marín, Bueu e Moraña durante o pasado mes de maio.

"Nesta nova peza audiovisual, as pandeireteiras ceden o seu protagonismo habitual á coreografía e interpretación de Carla Cervantes e Justin de Jager", explican.

Comentarios