CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Tankard: one foot in the grave

Cun pé na tumba din que están os Tankard, pero nada máis lonxe da realidade. A banda xermana leva 35 anos paseando a cervexa e o bo trash por todos os escenarios do mundo. Se ben moitas veces foi menosprezada, pode que por no ter eBlusa actitude agresiva que se agardaba dos trashers, o certo é que se gañaron un oco no corazón da comunidade metaleira.

Neste traballo volven os Tankard  de sempre. Xa dende a portada, na que volve aparecer o alien borracho pisando a tumba da que sobresae unha man cunha bandeira co número 35, estanos a indicar que o bo humor, o bo trash e a cervexa están a agardarnos dentro do plástico. E non é para menos, Pay to Pray é un tema de apertura que comeza lento e ambiental para pasar aos riffs clásicos do trash da vella escola que serve para quecer motores de cara a Arena of the true lies, que podería ser considerado o tema máis melódico do disco no que os solos son unha verdadeira delicia para os oídos. Pero ante todo, Tankard é trash alemán e non pode agochar as súas influencias, como ocorre en Don’t Bullshit us!, que soa como se Accept decidisen facer trash. A sarcástica case autobiográfica canción One Foot In The Grave¸ é un tema chamado a se converter nun novo himno da banda e, pese a estar construído sobre as harmonías máis clásicas do xénero tanto na base rítmica coma nos riffs e na liña vocal, transmite a frescura de demostra que a banda está a rexurdir do baixón que tivo co traballo anterior.

Syrian Nightmare é xusto todo o contrario ao que até agora escoitamos. Neste ocasión, recollen as novas tendencias trashers, cunhas harmonías máis do século XXI e da na que que destacan os arranxos das guitarras que son o mellor do tema. Mais vemos como as innovacións do son da banda seguen aparecendo no seguinte tema, Northern Crown (Lament of the Undead King), construída cunha base épica arrastrada cara ao lado escuro e agresivo, na que me gustou especialmente as guitarras e as voces no retrouso. Menos sorprendente é Lock ‘em Up, na que por un momento pensei que estaba a escoitar Megadeth, o que ao meu parecer resta puntos ao que até este momento era un álbum fresco e orixinal. The Evil That Men Display, que volve á estrutura clásica, fica un pouco lenta para o que o tema pedía. Pode que non querer repetirse moito nas estruturas oitenteiras para que non lles acusen de estancarse, fose o que levou a non rematar por todo o alto un tema que ten madeira de clásico e que seguramente revisen nos directos. 

Chegamos á recta final do álbum coa Secret Order of 1516, que ten unha longa introdución épica de ambiente místico para dar paso ás mellores guitarras que a banda gravou na súa historia. Dende os riffs até os solos, constrúen a obra mestra deste plástico, cuxos 7:24 minutos fanse curtos. O tema de peche, Sole Grinder¸ é un tema cru, espido e puro. Simplemente old school trash metal que unha vez rematado pide a berros unha urxente segunda escoita do disco.

Tankard é unha banda que sobradamente demostra a súa calidade, non en van son o berce do trash alemán xunto con Kreator, Sodom e Destruction. Ter sentido do humor non quere dicir non ser bos músicos é isto é algo que moita xente non quixo ver, mais quen despois de 35 anos é quen de seguir en pé e traer un disco desta calidade, xa non ten nada que demostrar, xa que o de ter un pé na tumba é só cousa do título. 

TANKARD NAS REDES

WEB: http://www.tankard.info/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/tankardofficial/

TWITTER: @tankardofficial

LISTAXE DE TEMAS

1. Pay to Pray

2. Arena of the True Lies

3. Don't Bullshit Us!

4. One Foot in the Grave

5. Syrian Nightmare

6. Northern Crown (Lament of the Undead King)

7. Lock`Em Up!

8. The Evil That Men Display

9. Secret Order 1516

10. Sole Grinder

Comentarios