Tania Fuegho: “Nunca me vou desvincular das miñas raíces"

Falamos con Tania Fuegho, a cantante de Mazaricos que coñecemos grazas ao Luar e que a semana pasada recibía o Premio á mellor Solista Feminina española da radiofórmula arxentina Elegidos45 por un tema en galego, 'Estrelas por compartir'.  

taniafuegho
photo_camera Tania Fuegho

- Que significou para ti o premio en Arxentina?
​- Significou todo, sinto un grande agradecemento cara a ese público que me votou, porque foron eles quen me elixiron, semana a semana, desde o mes de marzo, estiven 30 e pico semanas entre os 10 mellores. 

​- Como pode ser que chegaran alá as túas cancions cando aínda non tes publicado disco?
 ​- Pois non o sei. Un día chegoume un chío no Twitter de que o meu tema estaba soando nunha radio arxentina e á semana seguinte, chegoume que acaba de entrar no ránking dos 45 primeiros, e iso é a nivel mundial. E non sei como chegou alá, porque aínda estaba sen editar, o audio nin sequera era editado, senón que era sacado dun vídeo de Youtube. A persoa que o escoitou ao lado do charco debeulle gustar moito porque sacou o audio e mandouno á radio, porque son os propios ouvintes os que mandan tamén os temas, non só os artistas. A verdade é que foi unha historia que me colleu de sorpresa.

​- Agora xa podes iniciar carreira alá.
​- Pois si, terei que coidar ese público que me votou semana tras semana.

​- Ti agora mesmo tes publicado un maxisingle.
​- Si, con tres temas en galego. Agora ando entre Galiza e Barcelona para gravar, vai ser un disco moi pop, pero xa en castelán, aínda que vai haber temas en galego tamén, obviamente, nunca me vou desvincular das miñas raíces. Teño que seguir cantando en galego para eses 14.000 persoas que me votaron en Arxentina. Iso xa che pon os pelos pinocho só de pensalo!

​- Cres que tivo que ver no éxito a emigración galega?
​- Obviamente, iso tivo que influír moito. Supoño para calquera, aínda que sexa neto de galegos, escoitar alguén cantar en galego tívoos que atraer dalgunha maneira.

​- Como empezaches a cantar?
​- Non me acordo, creo que xa cantaba na barriga de miña nai (risas). Cantei sempre, eu poñíame diante do espello e cantaba de todo. 

"Son de Estrelas pariume, pero quen me criou foi Luar"

​- Que é o que che gustaba cantar?
​- De pequena era unha paixoada de Rafaella Carrá, que tiña un programa de televisión. E logo cando saíu Mónica Naranjo á palestra xa foi a miña artista máis idolatrada.

​- Cal foi a primeira vez que cantaches en público?
​- Foi aos 14 anos, eu queríame presentar aos concursos que había e meu pai non me deixaba, e un día na festa da aldea díxenlle aos da orquestra se me deixaban subir a cantar, e foi a miña primeira vez en público. Cando baixei, meu pai estaba chorando coma unha madalena e desde entón meteume en clases de canto e foi cando me empecei a formar. 

​- Logo a TVG supuxo un importante empurrón para ti. 
​- Foi un gran trampolín, porque no 2007 presenteime a un concurso que se chamaba Son de Estrelas, onde quedei finalista, e despois a raíz diso, eu sempre digo que Son de Estrelas pariume, pero quen me criou foi Luar. Comezaron a chamarme como artista convidada, facendo versións, pequenas cousiñas, até convertirme no que hoxe son, que é grazas a eles, ao seu apoio. 

​- Fálanos do teu próximo disco. 
​- Aínda non podo falar diso. Estou gravando en Barcelona, con temas en castelán e andamos compoñendo e buscando cousas que lle poidan gustar á xente, exprimindo moito o corazón para facer letras coas que a xente se identifique. Pero de momento non podo desvelar nada diso. 

​- Cando sairá ao mercado?
​- Aínda non hai data. Sempre digo que facer un disco non é facer unha parede de tixolo. Hai uns procesos, e leva tempo. 

- Ti tamén compós e escribes?
​- Ultimamente tamén estou escribindo, até agora sempre interpretaba as letras dos demais, que tiña un letrista marabilloso, pero agora estoume poñendo as pilas doutra maneira. Xa teño dúas composicións propias. 

​- Ademais de Mónica Naranjo cales son as túas referencias musicais?
​- Realmente o que mamei desde pequena foi Mónica, pero gústanme as grandes voces, como Celine Dion, Pastora Soler, Malú... A verdade é que non lle fago ascos a nada, desde os Beatles até a música clásica. Todo che achega algo, todo te enriquece.

Comentarios