Tallón pecha unha etapa literaria con “Fin de poema”

A morte e o fin da poesía. Juan Tallón recompón o derradeiro día da vida de Cesare Pavese, Anne Sextos, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik en Fin de poema, obra coa que gañou o Premio Manuel Lueiro Rey e que presenta en Compostela. Dá por pechada así unha etapa literaria. Sabe cara onde camiña mais non como, confésanos.

Juan Tallón
photo_camera Juan Tallón

Presenta Juan Tallón en Compostela, na libraría Couceiro hoxe día 5 ás 20 horas, o seu novo libro Fin de poema (Sotelo Blanco) cando se anuncia na rede un título máis El váter de Onetti, que en horas estará en librarías. Entre tanto, Tallón adiantou as primeiras trinta páxinas na rede e iso, sen el o querer, fai ben máis difícil chamalo para falar de Fin de poema. Tallón confesa aversión polas entrevistas e presentacións e relata todas as que lle fixeron despois da publicación de A pregunta perfecta. Mesmo así atrevémonos a chamar e preguntar nunha que anunciamos como non-entrevista, non vaia ser. 

Tallón relata en El váter de Onetti o pouco que lle gusta promocionar os seus libros e mesmo relelos unha vez finalizados. Memos así, responde con singular amabilidade, mesmo tirándolle ferro ao relato autobiográfico deitado nesas trinta páxinas que botarían para atrás a calquera xornalista que ousara erguer o teléfono para lle preguntar, “Por que escribe?”. Certo é que a pregunta non ven a caso con Juan Tallón, a literatura, como diría o poeta, vénlle de dentro e nótase mesmo en toda a metaliteratura coa que adubía mesmo as súas novelas. 

“Con A pregunta perfecta e Fin de Poema nalgunha medida entendo que pecho unha etapa na que a literatura é material narrativo da miña propia literatura. Acontece isto polo interese que teño por descubrir o meu propio traballo como escritor. Os outros sérvenme para traballar comigo mais se non pechei, si entornei esta etapa” explica, despois de poñer en literatura “o caso Aira-Bolaño” e aventurarse agora con catro poetas que son, ao tempo, catro mitos da nosa contemporaneidade. 

"O escritor escribe e paréceme que aí conclúe a súa tarefa. Un autor é tamén un tipo que vai para a súa casa e cala"

Confesa que escribe o que lle fai feliz e adéntrase así no seu imaxinario literario, nas figuras de  poetas que buscaron unha morte tráxica cando o fin da poesía era un feito. Se algo une a Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik é a poesía e o suicidio e son estes os dous elementos cos que Tallón constrúe a obra que lle valeu o premio Lueiro Rey de novela curta na súa recente edición. Non é a primeira vez que o autor visita a historia literaria para o seu traballo creativo. Aconteceu xa en A pregunta perfecta. (O caso Aira-Bolaño) e regresa de novo nese El váter de Onetti, o seu primeiro libro publicado en español, aínda que o autor quere explicar que o orixinal está escrito en galego e ao non ser publicado adiantouse a tradución en Edhasa. 

Liberar unha ferida

Nesta nova obra, Tallón relata no inicio en primeira persoa o abandono do xornalismo e disecciona o oficio de escritor, para alén mesmo do feito creativo. “Máis alá de telas escrito, non tiña grandes cousas que dicir sobre a novela, aínda que fose miña. Precisamente por ser miña. O escritor escribe e paréceme que aí conclúe a súa tarefa. Un autor é tamén un tipo que vai para a súa casa e cala” anota nesas primeiras páxinas de El váter de Onetti onde a metaliteratura está de novo presente. “Se por min fose, evitaría calquera glosa sobre o que eu mesmo escribo. Prohibiría as promocións. Ao menos, prohibiría as miñas” sinala dunha posición que posibelmente explique nas presentacións de Fin de poema, o libro que o trae de novo a Galiza. 

“Cando un escolle para este proxecto literario a estes catro autores suicidas non se fai gratuitamente. Son escritores que me estiveron “molestando” moitos anos e co libro arrinco a astilla, libero a ferida. Non pasan en balde por min” apunta, explicando a orixe de Fin de poema. En certa medida, nos catro, o fin da literatura, do poema, da creación, significa tamén o fin da vida e esa é a teoría que defende Tallón na novela. “Trato de desenvolver a idea de que os catro deciden matarse cando advirten que a poesía acabara para eles, o fin do verso. Deixaron de escribir e produciuse un silencio insoportábel, desapareceu esa baranda á que se agarraban para con caer no baleiro. No momento no que xa non está perderon o equilibrio e carón”, afirma para explicar o tráxico desespero da ausencia de literatura-vida. Ten, malia iso, o autor vontade de defende que non é ese o único camiño, noutros casos “chegou o momento de calar e calaron” e bota man do inmenso Juan Rulfo para quen a vida continuou despois da escrita e a súa literatura perviviu para sempre. Aspiración esta de todo escritor, “que os seus textos sexan quen de facer felices ás persoas mesmo despois de mortos os seus autores”. Outravolta, vida e literatura, sobre os que Tallón reflexiona a cada pouco. 

"Trato de desenvolver a idea de que os catro deciden matarse cando advirten que a poesía acabara para eles, o fin do verso"

Co proxecto, a morte

Sen embargo, falar con Tallón da súa obra e do seu proxecto literaria é fácil e do mesmo xeito que el mostra admiración polos mitos da literatura, o escritor atopa agora os seus seguidores na rede, algúns entusiastas. “Teño catro que fan confianza nos meus textos, non son moitos mais están dispostos a acompañar a miña obra até onde se dirixa, por veces mesmo por lugares nos que non sabes se hai saída”. 

O escritor confesa que ten un proxecto literario. Non sabe por onde camiñará mais si onde quere chegar. “Non sei como chegar e iso é importantísimo. Non traballo con mapas senón con brúxulas e niso ando” comenta. Di que escribe o que lle gusta escribir e niso síntese afortunado. “Se tes un proxecto tes que ir con el a morte”, de novo vida e literatura. 

Gabancioso ao afirmar que só se as cousas veñen moi mal dadas volvería a unha redacción, en conversa, Tallón é moito máis matizado. “Continúo a facer xornalismo mais non me gustaría volver a unha redacción. Paseino mal e marchei moi farto. Agora tómome tempo e iso é unha felicidade. Cada artigo leva o que eu decido e pódome permitir escoller o que fago” comenta, contento de estar nunha situación que desexa case toda persoa que estea no oficio. 

Despedímonos e Tallón volve matizar a súa aversión ás promocións que, no fondo, tampouco é tan afiada. “Prodúceme certo fastío, pásoo mal e cústame falar de meus libros. No momento no que me poño a pontificar sobre a miña literatura sei que todo vai ir a peor. Sería fantástico que se promocionaran os libros por si só” apunta mais, como non vai poder ser, polo de agora responde con suma amabilidade ás preguntas sobre a súa literatura. 

Comentarios