'Sons para un regreso'

Talento musical galego en concerto

O Teatro Colón acolle a gala-encontro musical Sons para un regreso, dous días de concertos a cargo de antigas beneficiarias das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos da Deputación da Coruña. Intérpretes de prestixio que desenvolven as súas carreiras moitas veces sen que se lles recoñeza o talento nin o esforzo. 
De esquerda a dereita, Alma Sarasola, Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira e Ana Yáñez.
photo_camera De esquerda a dereita, Alma Sarasola, Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira e Ana Yáñez.

Máis de século e medio de bolsas para a formación artística e ducias de artistas que se beneficiaron delas. A Deputación da Coruña leva desde 1883 ofrecendo a oportunidade de ampliar estudos a artistas galegos cuxo rastro, en moitas ocasións, se perde en diferentes lugares do mundo. Sons para un regreso é o título do ciclo de concertos que os vindeiros días 6 e 7 de xaneiro mostrará o traballo dalgúns deses estudantes, para visibilizar o rendemento dese investimento e dar a coñecer un traballo que, moitas veces queda oculto. 

Belén Bermejo, directora artística do ciclo, lembra que a idea xurdiu cando formou parte duns dos xurados que outorgan estas bolsas. "Decateime de que existía un gran nivel entre os candidatos e reflexionei sobre a necesidade de facer algún tipo de seguimento das súas carreiras e mesmo de que a propia Deputación publicitase o feito de que eses artistas que logo chegan aos escenarios están aí, en parte, grazas a esa axuda que lles permitiu formarse. Por iso propuxen un proxecto que recoñecese tanto o traballo destes artistas como a institución que os avala". 

"Teño atopado músicos galegos actuando na Musikverein de Viena que nunca tocaron na Galiza. Ao contrario do que ocorre en Catalunya, que visibiliza e promove o recoñecemento dos seus artistas, aquí non existen mecanismos que enaltezan as carreiras destas persoas", di Belén Bermejo

Carreiras de primeira fila 

A primeira edición de Sons para un regreso contará coas actuacións da pianista Rosalía Gómez Lasheras, que desenvolve a súa carreira ao longo de escenarios de toda Europa, Oriente Medio ou Estados Unidos; da saxofonista Patricia Cadaveira, que combina o labor de compositora coa de instrumentista e docente e que botou a andar ademais o proxecto Marés Sonoras; de Ana Yáñez, que dará un recital co seu trío de guitarras Tres Trastes; e de Alma Sarasola que achegará o seu traballo co Quinteto InVento. 

"En moitas ocasións", continúa Bermejo, "atópome con músicos galegos de grandísimo nivel que están tocando en escenarios de primeira categoría. E sucede que ninguén sabe que son galegos. Teño atopado músicos galegos actuando na Musikverein de Viena que nunca tocaron na Galiza. Ao contrario do que ocorre en Catalunya, que visibiliza e promove o recoñecemento dos seus artistas, aquí non existen mecanismos que enaltezan as carreiras destas persoas. Hai moitísima canteira galega que está facendo un traballo excelente fóra e aquí ninguén sabe nada deles. Nin sequera se lles programa nin se lles dá a oportunidade de mostrar o seu traballo. E talvez esa sexa unha das razóns polas que prefiren seguir no estranxeiro". 

As bolsas da Deputación valoran non só o nivel artístico das persoas candidatas, senón tamén o seu proxecto de estudos, o prestixio do centro escollido para estudar... Toda unha serie de filtros que, dalgunha maneira, ofrece seguridade sobre a proposta e propicia a calidade. Nesta primeira edición do ciclo, as catro protagonistas dan conta de carreiras de prestixio en moi diferentes ámbitos. "Son traballos que proceden de formacións diferentes", apunta Bermejo. "A pianista Rosalía Gómez Lasheras, por exemplo, ten unha traxectoria internacional dunha proxección enorme, e especializouse en instrumentos de tecla antigos: debe ser unha das poucas persoas da Galiza que teñen un fortepiano na súa casa e que domina o repertorio para este instrumento. Patricia Cadaveira montou o seu propio proxecto, Marés Sonoras, e cruza moitos campos: bandas sonoras, música para teatro, composición contemporánea... A artista Ana Yáñez leva moito tempo pelexando por levar a música de cámara para guitarra aos escenarios galegos. E Alma Sarasola e o seu Quinteto InVento son un exemplo da grandísima canteira de músicos de vento que ten a Galiza nas bandas: hai moitísimos músicos galegos que tocan en orquestras importantes de Europa e que saíron de aí". 

Hai programación, mais na maior parte dos casos responde a unha lóxica moi difusa, cando non errática

Pouco dinamismo no país 

Preguntarse sobre a razón pola que moitos destes músicos deciden desenvolver as súas carreiras no estranxeiro devólvenos ao debate sobre como se trata a cultura.  "Habería que preguntarlles a eles, claro, mais se cadra é porque alí páganlles mellor polo seu traballo", declara Bermejo. "En xeral, existe moi pouco dinamismo no mundo da música clásica galega. Todo está moi anquilosado. Hai programación, mais na maior parte dos casos responde a unha lóxica moi difusa, cando non errática. As formacións teñen moi poucos sitios onde actuar e, se non existe unha acción institucional que propicie un incremento desa programación, as formacións non van asumir o traballo de investir en instrumental, preparar programas, ensaialos... para logo dar un concerto e que o proxecto acabe aí. A motivación desaparece e iso fai que esmoreza todo. Eu levo uns vinte anos nisto e cada vez se programa menos música clásica". 
 

Comentarios