Talabarte aposta pola maridaxe "renacentista" de música e cociña en cinco concertos

Os tres teñen algo de Da Vinci e o seu espírito renacentista. Son os Talabarte e inspíranse na súa maridaxe da cociña coa música para promover a xira que bota a andar este domingo 7 de xuño no Dolmen de Dombate. Música en enclaves únicos máis showcooking a cargo o cociñeiro Xián Herrera. 

talabarte2

A nova xira de Talabarte chega con filosofía incluída. Atopárona no libro de apuntamentos de cociña de Leonardo da Vinci, inspirador da proposta na que Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual presentan as novas cancións do que será o seu segundo disco, previsto para finais de ano. De ser o autor do libro, da Vinci defendía que toda boa cociña tiña que ir acompañada de música, para animar o espírito de quen ten o oficio de xuntar e preparar os alimentos. De ter sido o autor, dicimos, porque os editores publicaron o libro afirmando que se baseaban nun orixinal que nunca apareceu e, para facer aínda máis fantástica a historia do tratado culinario, decidiron presentalo o día das inocentadas no Reino Unido poñendo máis en cuestión a veracidade da súa autoría. 

Do libro e a súa fantástica xénese quedaron prendados os tres compoñentes de Talabarte e decidiron convertelo en inspirador da súa nova xira. Tamén Xián Herrera tivo como referencia as receitas da publicación para elaborar as súas propostas gastronómicas. Respondía, en certa medida, ao que levan tempo compartindo, música con cociña, ao estilo da recomendación de Da Vinci. Os ensaios de Talabarte van acompañados sempre dun bo xantar, preparado polos propios compoñentes da banda que coinciden, ademais de no grupo, na súa querenza pola gastronomía. 

Do Dolmen á Ría

Despois do primeiro concerto no Dolmen de Dombate este 7 de xuño virá un paseo pola Ría de Pontevedra desde Bueu a Portonovo o domingo 14 e a visita ao Muíño das Mareas de Muros o 21 de xuño. A xira rematará cos concertos no solpor no Faro de Cabo Vilán e no recuperado Pazo da Marquesa de San Sadurniño. Todos eles, escenarios especiais para que a maridaxe música gastronomía impacte á maneira dunha obra efémera. 

A singularidade da proposta non pode, malia iso, levar a segundo plano outra das razóns da xira. Dar a coñecer ao seu público os novos temas do que será o segundo disco da banda que ten previsto presentarse por volta de fin de ano. “Non ten título aínda mais queremos, polo de agora, ensinar os temas que están feitos. Trátase de facelos rodar antes de gravalo. Aínda non queremos adiantar moito máis o que si podo dicir é que a “suposta” cociña dTalabartee Leonardo vai ter a ver como temática que se vai tratar e do que esta xira é un adianto”, explica Quim Farinha, especialmente apaixonado coa figura do renacentista. 

Os novos temas soan a Talabarte, é dicir, conserva a tímbrica coa que se deron a coñecer no primeiro traballo e que marca o perfil da banda desde a súa creación en 2004, hai xa máis de dez anos. “Somos os mesmos músicos tocando os mesmos instrumentos de madeira: contrabaixo, violín e acordeón diatónico. Seguimos o estilo Talabarte no que nos gusta mesturar distintas linguaxes e a música improvisada, que sempre está presente”, explica Farinha e adianta que nestes novos temas sentirase tamén o arrecendo dos ritmos do centro de Francia ou dos tangos porteños. 

Os sabores da música

“Cando tratamos cancións con sabor foráneo apréciase mais cando ofrecemos temas galegos queremos que se manteña a súa esencia. Gústanos traballar tamén con cancións tradicionais de pandereteiras que nós versionamos en instrumental. Queremos conservar a esencia das melodías antigas”, apunta Quim Farinha, un dos tres músicos que montou a banda alá por 2004 cando Talabarte era unha sorte de punto de encontro ou mesmo de desconexión dos outros proxectos de maior dimensión nos que cada un deles estaba embarcado. 

A traxectoria musical de Quim Farinha identifícase especialmente coa desaparecida banda Berrogüetto da que era violinista, Pedro Pascual foi o acordeón diatónico de Marful e Kin García é baixo de, entre outros, Susana Seivane. “Cando tes un proxecto grande dáslle prioridade mais Talabarte sempre estivo aí e nunca deixamos de funcionar e crear , foi como un punto de encontro e goce. Hoxe, ao non existir xa os outros grupos, cobra máis forza tamén porque ao ser trío permite movernos máis e adaptarnos a calquera espazo. Podemos tocar en acústico, en amplificado, nun pub ou nunha carballeira. Esta xira responde tamén a iso, a mostrar que o grupo se pode amoldar a lugares onde non se adoitan programar concertos”, explica Quim Farinha dunha proposta que, ao seu ver, contribuirá tamén a dar a coñecer o valor arquitectónico e paisaxístico dos enclaves escollidos. “Serán experiencias efémeras, intensas, que quedan na memoria, estamos certos diso”, aventura o músico, tamén fotógrafo, carpinteiro e cunha forte querenza pola cociña á maneira dun discípulo - “modesto”, anota el- de Leonardo da Vinci. 

Comentarios