'Tacet' para as bandas de música

En conversa con Nós Diario, directores, músicos e membros das xuntas directivas das bandas de música da Galiza expoñen como están a levar este parón causado pola pandemia da Covid-19. A falta de ensarios e actuacións poñen en perigo este tipo de formacións que tanto achegan á cultura e á sociedade galega a través de valores como o compañeirismo. 
 
A Lira de Ribadavía (Foto:Cedida)
photo_camera A Lira de Ribadavía (Foto:Cedida)

As bandas de música populares, entendidas como as formacións de instrumentos de vento e percusión responsábeis de amenizar as verbenas galegas e ofrecer grandes concertos dentro e fóra de auditorios, víronse silenciadas por mor da pandemia da Covid-19. 

Actualmente no país existen 95 agrupacións rexistradas na Federación Galega de Bandas de Música Populares (Fgbmp) –aínda que sinalan que o número real é maior– cunha suma de máis de 7.000 músicos integrantes. Desde a máis lonxeva como a Banda de Música A Lira de Ribadavia (con máis de 180 anos de historia) até as de recente creación como a de Oza-Cesuras (2015) achegan á cultura galega “un gran patrimonio inmaterial de expresión artística e un importante labor social” desde hai máis de 200 anos, sinala o clarinetista e presidente da Asociación Cultural Liradavia, da que depende A Lira e a súa escola de música, Juan Álvarez González, en declaracións a Nós Diario

A súa exposición nos tradicionais concertos e procesións que as bandas realizan nas festas locais e a influencia familiar e social pasada de xeración en xeración son os principais motivos polos que rapaces e rapazas chegan a formar parte destas formacións. “Non hai bo festexo que se prece de selo se non ten no seu día grande unha banda de música actuando”, apunta Gustavo Barcia Seijo, tuba da Banda de Música Xuvenil de Torroso.

Se ben é certo que antigamente a escolla do instrumento a tocar ía dada segundo a escaseza do mesmo na agrupación, como é o caso de Barcia ou o clarinetista David Fiuza –actual director da Banda Municipal de Lugo–, actualmente son as crianzas as que van elixindo a súa especialidade –trombón, saxofón, trompa ou óboe– a medida que avanzan nas escolas de música de grao elemental, moitas destas ligas ás formacións bandísticas.

Para poder chegar a interpretar unha obra como pode ser o "Pasodobre de Ponteareas", composto polo persoeiro ponteareán Reveriano Soutullo, unha das pezas galegas máis tocadas internacionalmente no mundo das bandas, é preciso moitas horas de ensaio tanto a nivel individual como colectivo. Isto promove unha serie de valores que “en moitas ocasións esquecemos, como o compañeirismo, a responsabilidade, traballo e obxectivos en equipo, entre outros”, comenta en conversa co xornal o director da Lira de Ribadavia, Xabier Oliveira.

Actuacións si, ensaios non

Mais todo isto quedou a un lado coa chegada da pandemia da Covid-19 hai xa un ano, tempo que moitas destas bandas levan sen poder ensaiar polas restricións sanitarias. Se ben “durante 2020 se experimentou con vídeos en conxunto, que non deixaban de ser montaxes de práctica individual seguindo un mesmo tempo”, explica o presidente da Fgbmp, Iván Estévez, a Nós Diario, “na actualidade atopámonos na circunstancia de que unha banda podería ser contratada para tocar nun auditorio, mais non podería xuntarse para ensaiar”, destaca. Debe terse en conta que moitas destas bandas son asociacións ou unións musicais e, en termos lexislativos, as reunións destes músicos considéranse reunións de amigos. 

Hai bastantes bandas que, se ben non se disolveron aínda, son conscientes de que cando chegue a normalidade non contarán con todos os compoñentes que tiñan


Desde a federación aseguran que “hai bastantes bandas que, se ben non se disolveron aínda, son conscientes de que cando chegue a normalidade non contarán con todos os compoñentes que tiñan, xa que esta situación, especialmente nunha actividade de voluntariado, leva á desaparición dunha agrupación”.

Alén dos problemas en canto ás e aos compoñentes, a situación tamén se agravou no ámbito económico. Sen actuacións para poder obter ingresos, as bandas vense nas mans das administracións para poder seguir adiante. Moitos dos convenios a nivel local ou das deputacións van ligados á realización de concertos ou actividades que, sen poder realizarse, tampouco se reciben os cartos precisos para soster estas formacións. Nos casos das escolas de música si que teñen recibido axudas, xa sexa a nivel local ou desde a Administración galega. Inda así, tanto directores, músicos como membros da directiva expoñen que “é preciso máis vías de actuación por parte de todos os entes administrativos para que estas agrupacións non desaparezan e con elas todas as actividades laborais, funcións educativas, sociais e culturais que achegan á nosa sociedade”, sinala Blanca Represas, directora da Banda Infantil de Xinzo (Ponteareas). “Mais isto xa viña sendo preciso antes da pandemia”, apunta Fiuza. 

A pesar disto, e “grazas ao importante apoio recibido nos lugares onde desenvolvo esta actividade musical”, expresa ao xornal o director das Bandas de Música Oza-Cesuras, Ordes e Ortigueira, Enrique Lagares, seguen a crear cultura galega. “A ilusión e a paixón que músicos e directiva transmiten para poder seguir soñando cos proxectos que queremos levar a cabo cando todo volva ser normal é o que nos impulsa a seguir loitando”, engade o director da Banda de Música de Salvaterra de Miño, Daniel Gregores. 

É deste modo que agrupacións como a Banda de Música Xuvenil de Torroso puideran chegar a realizar durante o verán do ano pasado dúas actuacións “cumprindo con todos os protocolos sanitarios”, explica a directora da banda, Ángeles Lorenzo. “Cando a situación mellorou comezamos a facer ensaios en grupos pequenos ao aire libre para preparar o concerto”, explica.

Primeiros pasos cara á profesionalidade

Na maioría dos casos, as bandas de música son os primeiros pasos daquelas crianzas que, chegado o seu punto, deciden dedicarse de forma profesional á música. O clarinetista da Banda de Música Municipal da Coruña, Óscar González, orixinal da formación de Salceda de Caselas, sinala que esta última “sempre estivo detrás de toda decisión que tomei, porque por unha parte formoume musicalmente nunha serie de valores dos que a día de hoxe me sinto moi afortunado e por outra porque coñecín xente que me axudou a seguir un camiño adecuado ao que eu quería, que nas idades temperás é complicado ter esas cuestións claras”. 

O mesmo testemuño presenta David Fiuza, director galego con gran relevancia internacional no mundo das bandas, quen relata que, cando tiña 15 anos, foi o seu mestre de solfexo quen lle dixo “de modo imperativo, que tiña que asistir ao curso de dirección co mestre Marcel van Bree, que se ía levar a cabo coa Banda Artística de Merza e, tras asistir ao mesmo, tiven claro que quería ser director”. 
Todos concordan en que as bandas de música "non desaparecerán, porque é imposíbel privar o pobo dun medio de expresión artística e cultural como son estas formacións".

Só tres mulleres dirixen bandas de música

Das máis de cen bandas de música populares que existen no país, a federación só ten constancia de tres mulleres que actualmente desenvolvan o traballo de directora artística. Ángeles Lorenzo, directora da Banda de Música Xuvenil de Torroso (Mos); Blanca Represas, Banda de Música Infantil de Xinzo (Ponteareas); e Alicia Porto, da Banda de Música A Unión de Guláns (Ponteareas) son as tres mulleres coa batuta na man. 

Lorenzo comezou a desenvolver a súa responsabilidade musical na banda mosense hai 20 anos. “En setembro de 2001, de modo pasaxeiro eu ía ser a persoa encargada da Banda de Torroso mentres non se atopaba un director adecuado para esta”, relata en declaracións a Nós Diario. “O tempo foi pasando e fun gañando a confianza e o respecto tanto da directiva como dos meus compañeiros, xa que era parte da banda como frautista, até o día de hoxe”. 

Pola súa banda, Blanca Represas conta que foi a propia directiva da banda quen lle propuxo ser a directora, “o antigo responsábel anterior deixara a agrupación e, nese momento, era a persoa con máis titulación na escola de música de Xinzo”.
A experiencia de Alicia Porto remóntase ao ano 1991, cando o director titular da banda buscaba unha persoa para a subdirección da mesma, "como naquel momento estaba cursando estudos no conservatorio e dirixir chamábame a atención, decidín optar ao cargo e desde entón estou ligada á dirección da banda, agora xa como titular", explica Porto.

Nas súas experiencias, Lorenzo expón que o feito de ser muller fai que “ás veces non sexa sinxelo facerse escoitar, por desgraza aínda se ten máis en consideración a opinión dun home, teña máis ou menos experiencia”. Porto tamén destaca que o "patriarcado existente neste ámbito, que semella estar mudando desde hai uns anos, facía que as mulleres tiveramos que ser perfectas e exíxennos moito máis para demostrar a nosa valía e credibilidade ante os músicos e músicas". Isto contrasta coa visión de Represas, quen asegura que “tanto alumnado como compañeiras e compañeiros trátanme de modo moi respectuoso, incluso están máis atentos a min que ao director titular da banda ‘grande’ (Banda de Música Xuvenil de Xinzo) cando teño que substituílo”. 

Comentarios