Sutil toma posesión do seu cargo na AGADIC xurando sobre a Biblia e evitando a imprensa

O novo director estivo acompañado de familiares e membros da cultura oficial. Algúns membros da Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais estiveron presentes “malia avisarnos con pouco tempo”
Toma de posesión Sutil, novo director AGADIC
photo_camera Toma de posesión do novo director AGADIC

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) xa ten director. Jacobo Sutil. Nesta tomou segunda feira posesión do seu cargo nunha breve cerimonia, presidida por un crucifixo e unha grande Biblia, nas propias instalacións do organismo. Máis familia e responsábeis da Consellaría, con algunhas persoas da “cultura oficial”, que representantes das industrias culturais, a excepción de varios membros da Plataforma das Artes Escénicas e Musicais que estiveron presentes no acto.

Jacobo Sutil, seguindo sempre un discurso escrito, asegurou que o seu traballo “vai ser un reto difícil"

Jacobo Sutil, seguindo sempre un discurso escrito, asegurou que o seu traballo “vai ser un reto difícil, como é nestos momentos xestionar calquera entidade pública ou privada”. Falou de “tempos de incertezas, de transformacións, de espectativas cambiantes” e deixou un aceno de proximidade ao sector cando dixo “expresar o meu respecto e a miña admiración por todas as manifestacións da cultura galega”.

Entre as súas palabras estivo tamén a promesa de colaborar “na expansión de todos os ámbitos de actuación das industrias culturais, coas que espero ter unha colaboración permanente, estreita e fluída”, aínda que ao remate non se achegou a saudar a parte dese sector que hai uns días tivo que ocupar esas mesmas dependencias para chamar a atención pola falta de diálogo da administración galega.

Ao remate do acto non quixo atender os medios de comunicación e conceder as que sería as súas primeiras declaracións unha vez realizada a toma de posesión.

“Seguimos pedindo diálogo”

A Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais estivo presente na toma de posesión do novo director de AGADIC. Salvador del Río, o seu portavoz, valorou o discurso de Jacobo Sutil como "breve" e “ben” como declaración de intencións. “Nós estamos á espera de que se poña ao día e ofrecemos diálogo e traballo para saír da situación na que estamos, agardamos que nos reciba e comezar a traballar”.

Sobre o nomeamento de Jacobo Sutil, o portavoz da Plataforma reiterou que "ao ser unha persoa allea ao mundo da cultura tivemos reticencias, agardabamos unha persoa con certo coñecemento do que é a cultura galega, con certo peso político para desde este posto xestionar a cultura que se está facer aqui”.

Após case cinco meses de paralise por esta falta de dirección de AGADIC, o sector non pode agardar moito máis. “Nós o que pedimos é que nos tempos tan duros nos que estamos que se nos deixe como estabamos polo menos e non ir a peor, por iso pedimos diálogo, sabemos que hai recortes mais o que pedimos é mellor aproveitamento dos recursos que hai”.

Salvador del Rio afirmou “non ter moi claro que un xestor económico sexa o máis axeitado porque AGADIC conta con traballadores moi ben cualificados” e lembrou o nomeamento hai pouco dunha persoa tamén para a xestión. Reiterou que “a ausencia que temos é a dun Plan para as Artes Escénicas e Musicais, que inclúa medidas”. Lembrou que polo de agora as actuacións da Xunta non beneficiaron este sector. “Eliminaron a Feira Galega das Artes Escénicas e Musicais, logo Camiños da Cultura, coa merma absoluta das Redes de Distribución cun 50% do orzamento e agora a sorpresa é que non hai garantías de que haxa axudas á actividade das Industrias Culturais deste país”.

Comentarios