Suspendido o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza

O empeoramento da situación epidemiolóxica por mor da Covid-19 motivou a cancelación do evento que ía ter lugar en Moaña entre o 5 e o 8 de agosto.
A organización do encontro, reunido para acordar a suspensión do evento. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A organización do encontro, reunido para acordar a suspensión do evento. (Foto: Nós Diario).


O comité organizador do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais decidiu suspender a cita prevista a primeiros de agosto en Moaña, ante o agravamento da situación epidemiolóxica no concello do Morrazo e da contorna de Vigo.

Tras a reunión do Comité Clínico desta semana a Xunta anunciou cambios no nivel de risco e restricións que afectan a máis dun cento de concellos da Galiza. Entre eles, o de Moaña, que desde a medianoite deste sábado pasa de nivel medio a alto.

Condicións desfavorábeis

"Vendo a tendencia á alza dos datos de casos activos en Moaña e na área sanitaria de Vigo, ante unha posíbel entrada no nivel extremo na vindeira semana, desde o comité organizador avaliamos que non se dan as circunstancias favorábeis para desenvolver con plenas garantías o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza", informa nun comunicado.

Desde a organización aseguran que levan máis dun ano traballando no evento, "intentando por todos os medios e até o último momento celebrar un encontro que contribuiría a dinamizar a economía local", ademais de lograr que Moaña e quen a visitase desfrutase da cultura e do patrimonio marítimo pesqueiro galego.

"Somos conscientes de que hai tripulacións e delegacións que xa están en camiño, persoas voluntarias comprometidas coa celebración, colectivos e entidades colaboradoras, por iso lamentamos moito as molestias que lles poida ocasionar esta suspensión e pedimos desculpas polas mesmas", láiase o comité organizador.

Desde 1993

O Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza é unha cita bianual que desde o ano 1993 convoca a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial co obxectivo de "evidenciar a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de preservalo".

Á cita acoden cada edición embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas; asociacións pertencentes á federación galega e entidades afíns, tanto da Galiza como doutros países e territorios, tamén particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.

O último encontro tivo lugar na Guarda en 2018. Dous anos despois a pandemia obrigou a adiar o evento. En 2021 a mala evolución do coronavirus obriga a un novo aprazamento. 

Comentarios