Sen Festival de Ortigueira tamén este ano: a celebración adíase até xullo de 2022

A intención é que a edición do vindeiro ano se estenda durante unha semana.
ortigueira celta festival

A organización do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira decidiu cancelar a edición deste ano debido á pandemia e adiou a súa celebración ao mes de xullo de 2022, cando a súa duración estenderase até unha semana.

Segundo trasladou o comité organizador do evento, esta medida adoptouse tras analizarse os posíbeis escenarios de cara ao mes de xullo e concluír "a imposibilidade de manter a total seguridade dos asistentes durante o evento". Así, decidiuse comezar a traballar na próxima edición, que se celebrará en xullo de 2022, "para que compense a espera de dous anos".

Neste sentido, a organización lembrou que en 2020 a decisión relativa ao adiamento "foi tomada dun modo algo máis incerto", mentres este ano é "máis evidente". De feito, sinalou que outros festivais que non se cancelaran comezaron a suspenderse ou a optar por formatos que "serían inviábeis" para o Festival de Ortigueira.

O coordinador do evento, Alberto Balboa, sinalou que o obxectivo pasa por que os asistentes e veciños poidan gozar do festival "en colectivo, compartindo experiencias e gozando xuntos da música", así como "convivindo en harmonía todos os días programados".

Pola súa banda, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, defendeu a aposta pola seguridade do festival e enxalzou a súa "multiculturalidade", que o converte en "único" pero "faino máis inviábel ante unha pandemia destas dimensións".

Comentarios