SUSO VAAMONDE, GAITEIRO

“Perfecto Feijóo levou a música e a danza do pobo ao escenario e merece ser homenaxeado”

Cen anos despois de que Perfecto Feijóo disolvera o coro “Aires da Terra” volve ao escenario nunha homenaxe ideada polo gaiteiro Suso Vaamonde, apaixonado polo seu labor e o papel na nosa historia musical. Coa mesma sonoridade, coa recreación daquela posta en escena. A vindeira cita, o sábado 24 en Compostela. 

vaamonde
photo_camera vaamonde

O gaiteiro Suso Vaamonde, un dos máis prestixiosos da nosa música, quixo homenaxear a Perfecto Feijóo, unha das súas figuras de referencia, e decidiu recuperar o coro “Aires da Terra” cando se cumpría o centenario da súa disolución. Cen anos despois, as gaitas xa non son aquelas, nin as agrupacións, nin as postas en escena mais el documentouse e encargou a Pablo Carpintero que construíse un documento idéntico ao que tocaba Feijóo e, con eses materiais, consegue a mesma sonoridade que se sentía cando a orixinal Aires da Terra subía aos escenarios. 

“Perfecto Feijóo merece esta homenaxe e moitas máis. Foi el quen levou a música e a danza do pobo ao escenario. Elevou á categoría de espectáculo algo que era cotiá e, a raíz diso naceron os demais coros e o folclore tal e como o entendemos agora, o que deu logo pé ao que coñecemos como folk. A el a música galega débelle moito”, explica Suso Vaamonde deixando á vista o seu entusiasmo por Feijóo, unha figura, segundo el, aínda “infravalorada”. 

Dous punteiros á vez

Fascinado xa co libro de José Luís Calle “Aires da Terra”, hai vinte anos -con partituras que el interpretou coas gaitas de agora -  e coa publicación dez anos despois da gravación histórica en Ouvirmos, ter entre as mans reprodución da propia gaita de Feijóo que lle encargou a Pablo Carpinteiro supuxo o terceiro chanzo para o proxecto que pouco tardou en xermolar. “Como el fixo á hora de crear Aires da Terra, xuntei sete amigos máis, todos con moita solvencia musical, e decidimos facerlle esta homenaxe emotiva, recoñecerlle o seu labor e recordar e poñer en activo a súa sonoridade”, explica sobre o espectáculo que foi estreado en Pontevedra e agora chega a Compostela. 

Os parceiros de Suso Vaamonde son Xosé Lois Romero, José Manuel Acha, Xan Herrera, José Luís Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza e César Tarela, as novas voces que están a “resucitar” o coro “Aires da Terra no centenario da súa disolución. 

Como é o proceso de recuperar a súa sonoridade? Os cambios son moitos? “A diferencia é que a gaita que el toca é con ronquillo, é dicir, como escoitar dous punteiros á vez, dúas gaitas tocadas pola mesma persoa. A afinación é distinta á das de hoxe e distinta tamén a súa dixitalización. A gaita experimentou unha evolución técnica e o son de hoxe é distinto ao de entón. Imos escoitar unha gaita de hai case cento cincuenta anos”. 

Agradecemento dos coros 

Canda a reprodución do espectáculo a través da foto de 1901 de cando Perfecto Feijóo levou Aires da Terra a Madrid, a homenaxe quere tamén que os distintos coros que naceron da súa herdanza participen neste agradecemento ao fundador. Por esta razón, en cada un dos espectáculos, é o coro da localidade o que organiza e serve de anfitrión á memoria do pioneiro Aires da Terra. “Contamos coa súa participación, dunha ou outra maneira. A resposta foi estupenda. Son eles os que coordinan os lugares e as datas e participan de distinta maneira na produción do espectáculo”, explica Vaamonde. Cada unha das propostas inclúe a narración a través de textos do propio Feijóo, mentres a agrupación se coloca para a reprodución fiel daquela imaxe de 1901. Xurxo Souto en Pontevedra e Touriñán en Compostela son os encargados do relato nas dúas primeiras postas en escena. 

O concerto “Aires d´a Terra: o legado de Feijoo” ten así como obxectivo interpretar parte do repertorio do primeiro coro da historia de Galiza, fundado polo boticario e gaiteiro Perfecto Feijoo. Da man dun grupo de grandes músicos e coñecedores da nosa tradición, o proxecto quere ser respectuoso co coro histórico e, desta maneira, conservan sonoridades, modos, arranxos e estética da proposta capitaneada por Perfecto Feijoo. 

O lugar escollido para a estrea do espectáculo foi o Museo de Pontevedra xa que é nel onde se custodia a gaita, zanfona e outros instrumentos de Feijoo. A partir de aí, o proxecto visitará o que consideran os “fillos directos” do coro, con Cantigas e Agarimos este 24 de xaneiro na Igrexa da Universidade de Compostela, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, onde estarán o 31 de xaneiro,  Cántigas da Terra da Coruña, e o 7 de febreiro, Coral de Ruada de Ourense.

Os seus promotores definen “Aires d´a Terra: o legado de Feijóo” como un proxecto “emotivo e romántico” que volverá dar vida á fotografía coa que ilustran o cartaz, que se corresponde coa viaxe da agrupación a Madrid en 1901. Síguelles a mesma manda: “O amor pola nosa música máis auténtica e orixinal”. No espectáculo, que dura por volta de 50 minutos, intercalaranse os temas musicais con comentario escritos polo propio Feijoo, no ánimo de documentar o espectáculo. 

Comentarios