Suso de Toro, Paula Carballeira, Emma Pedreira e a libraría Chán da Pólvora entre as gañadoras da V Gala do Libro Galego

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego, organizada organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG),  deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia da COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono.

Suso de Toro (Laura R. Cuba)
photo_camera Suso de Toro (Laura R. Cuba)

A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración este 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan.

Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.

O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. Nunha reunión telemática debateu sobre as propostas finalistas nas quince categorías con obra publicada durante o ano 2019.

Listaxe completa das gañadoras e gañadores nas distintas modalidades

Ensaio e investigación 
Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)

Saliéntase deste ensaio “a vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler”

Divulgación 
A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)

O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados,  ilustrados e en galego que estean como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.

Narrativa 
Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)

A decisión do xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o lector ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.

Infantil 
A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)

Neste apartado o xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil no que define unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.

Xuvenil 
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

O xurado considerou que era esta unha narración poderosa, que sobarda o xenero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.

Libro ilustrado 
Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)

A decisión desta obra, segundo o xurado, realizouse pola conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.

Libro de banda deseñada 
A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)

Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.

Iniciativa bibliográfica 
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia)

Para o Xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.

Tradución 
Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)

O Xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.

Poesía 
Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)

Destacaron a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xenera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e moita forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.

Teatro 
Citizen, Grupo Chévere (Kalandraka Editora)

O xurado valorou que unha obra que marcou unha antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, coma obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galiza actual.

Libro mellor editado 
Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)

Salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.

Premios ás traxectorias 

Iniciativa cultural ou fomento da lectura 
Libraría Chan da Pólvora

Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galiza e nun foco de dinamización arreador da poesía.

Proxecto literario na rede 
Kalandraka TV

O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos dos lectores máis novos.

Xornalismo cultural 
María Yáñez

Comentarios