Suso de Toro defende que Cataluña é xa unha “nación autodeterminada”

O xornal dixital VilaWeb publica unha longa entrevista na que Suso de Toro defende que Cataluña xa é unha nación autodeterminada. Para o escritor, a esquerda española non asume o proceso de independencia catalán. 

Suso de Toro
photo_camera Suso de Toro

O escritor Suso de Toro, móstrase na entrevista con VilaWeb moi crítico coa esquerda española e, en especial, coa intelectualidade de esquerdas que non asume o proceso de independencia de Cataluña. “Tanto a xente que se chama de esquerdas como a que se chama de dereitas ten unha idea moi parecida de España. E isto permitiu que unha forza ou proxecto como o de Rosa Díez sexa transversal. É un proxecto dun españolismo ferinte”, di. 

Sinala de Toro, que os escritores e escritoras noutras linguas do estado son considerados “polisóns” e, como moito, “unha anomalía tolerada”. Repara na entrevista que publica o dixital que fóra de Cataluña descoñécense os nomes da literatura escrita en catalán, un elemento máis que corrobora o fracaso dunha “España democrática”. “Quen queira garantir unha convivencia debe buscar, negociar e pactar os intereses. Agora, quen queira impoñer os seus intereses, a súa ideoloxía e o seu proxecto sobre os dos demais, terminará nun fracaso colectivo. E isto pasou: o proceso político español iniciado despois da morte de Franco, fracasou dous anos despois”, sinala na entrevista publicada en catalán. 

“Tanto a xente que se chama de esquerdas como a que se chama de dereitas ten unha idea moi parecida de España. E isto permitiu que unha forza ou proxecto como o de Rosa Díez sexa transversal. É un proxecto dun españolismo ferinte”, di. 

“Nestes momentos pódese dicir que España é Madrid e Madrid é España”, afirma de Toro quen fala dun proceso progresivo de control da capital española, maior que hai corenta anos. “Quen son os intelectuais españois? Os que asinan nas cabeceiras madrileñas. Son estes. Non é alguén que escriba nunha cabeceira de Bilbao ou de Barcelona”, di o escritor que identifica esas “elites” coa España centralizada. 

 “Cataluña obriga a España a pactar. Agora xa falan de federalismo, de reformar a constitución... xa se fala de cousas que hai un ano eran impensábeis. Porque Cataluña obrigou”, afirma de Toro quen aventura unha futura “·negociación de soberanía”. “Neste momento Cataluña xa é unha nación autodeterminada. Fai o que quere, a súa sociedade fai o que quere, dentro das limitacións nas que se atopa. A súa vontade é libre. E creo que todo rematará nunha negociación de soberanía entre Cataluña e España”, sentenza o escritor.

Comentarios