Suso de Toro, Ana Romaní ou Xulio Amigo, distinguidas nos Premios Follas Novas

A industria do libro galego recupera a presencialidade na súa tradicional gala anual.
Os premios recuperaron a presencialidade neste edición de 2021 (Foto: Merlolab).
photo_camera Os premios recuperaron a presencialidade neste edición de 2021 (Foto: Merlolab).

Os Premios Follas Novas do Libro galego regresaron na xornada de onte nunha sexta edición que recuperou a presencialidade que os caracterizaba. 

A gala, conducida por Quico Cadaval, contou coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago, estivo organizada pola Federación de Librarías da Galiza, a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras. Ademais, estivo patrocinada polo Concello de Santiago, a Xunta da Galiza, Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Na súa intervención, o novo presidente da Federación de Librarías da Galiza, Ramón Domíguez, falando en representación das tres entidades organizadores, explicou algunhas das circunstancias nas que vive o mundo do libro en xeral e os premios en particular desde o inicio da pandemia, sinalando que a crise sanitaria "ten afectado sensíbelmente todas as actividades vencelladas á cultura, limitando e mesmo cancelando innumerábeis eventos nos últimos tempos". "Por iso -engadiu-, este ano estamos felices por contar coa presenta física das finalistas en cada unha das 15 categorías, que representan a excelencia das notas letras".  

Para rematar, Ramón Domínguez reclamou do Goberno galego a "definición na súa integridade da Lei do Libro e da Lectura da Galiza, aprobada hai xa preto de 15 años", pois considera que "esta ferramenta lexislativa é un elemento que, con certeza contribuirá ao equilibrio na cadea de valor do libro, por outra parte tan necesario, nos momentos actuais".

Con respecto aos galardóns, os Premios de Honra recaeron en Manuel Arenas (Premio da Asociación de Librarías da Galiza), José Luandino Vieira (Escritor Galego Universal) e Xulio Amigo (Premio da Asociación Galega de Editoras-es). Ademais, tamén foron distinguidas Aurora Marco (na categoría de Ensaio e Investigación por 'Irmandiñas'), Xurxo Mariño (Divulgación, por 'Unha mente que voa'), Suso de Toro (Narrativa, por 'Un señor elegante'), Elvira Riveiro (Infantil, por 'Mar de Mazá'), Natalia Carou (Xuvenil, por 'O mar de querer'), Rita Gutiérrez (Libro Ilustrado, por 'Contrahistoria de Galicia'), Pablo Prado por 'O derradeiro libro de Emma Olsen' (Banda Deseñada), Eva Mejuto (Iniciativa Bibliográfica, por 'A Lavandeira de San Simón'), María Reimóndez (Traducción, por 'A Nosa negra'), Ana Romaní (Poesía, por 'A Desvértebra'), Raúl Dans (Teatro, por 'Só un home') e Marica Campo e Menchu Lamas, que recibiron o premio ao Libro Mellor Editado por 'Nós Outras'. 

Comentarios