Sushi para ler?

Pois é, sushi tamén para ler. Con dous títulos nas librarías a próxima semana nace Sushi Books, o selo para a literatura infantil e xuvenil que lanza Rinoceronte Editora. Dous libros, tres coleccións e tradución dalgúns dos seus títulos ao castelán, catalán e éuscaro son as novidades que anuncia. 

Sushi
photo_camera Sushi

“Xildas” de Antonio M. Fraga Allegue e "O poder de Anabel" de Érica Esmorís botan a andar Sushi Books, o novo selo de Rinoceronte Editora S.L.U. dedicado á literatura infantil e xuvenil. Dúas obras de autoría galega que poñen en marcha unha iniciativa que publicará tamén na nosa lingua traducións de obras de Astrid Lindgren, E. A. Wyke-Smith, Ole Lund Kirkegarrd ou Roald Dahl entre outros nomes da literatura universal. 

De saída, a próxima semana estarán nas librarías “Xilda” de Anonio Manuel Fraga Allegue, o primeiro libro dun autor que , malia ser até agora descoñecido, xa se sentiu no panorama literario ao gañar o último Premio Merlín convocado pola editorial Xerais. A coruñesa Erica Esmorís con “O poder de Amabel” é o outro título que o novo selo escolleu para o seu lanzamento. 

Sushi Books nace dentro do proxecto editorial de Rinoceronte, unha editora que se ven destacando por traer á nosa lingua obras fundamentais da literatura contemporánea e que agora se adentra no mundo editorial para lectores de menor idade. Na súa páxina web aparecen xa anunciadas as novidades, ademais de en galego, en castelán, catalán e éuscaro xa que a editora ten vontade de publicar algúns dos seus libros nas outras tres linguas do Estado. 

De saída, Sushi Books presenta tres coleccións, “Álbum”, libros con presenza relevante da ilustración, “Intermedio”, para as idades de Primaria, e “Avanzado”, acaídos para ESO e Bacharelato.

Comentarios