Unha exposición mostra a influencia da arte surrealista no deseño

O surrealismo como patrón estético

Até finais de agosto, a Cidade da Cultura acolle a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e desexo, que explora a influencia do movemento surrealista no deseño do último século. A mostra, comisariada polo director do Design Vitra Museum de Alemaña, pon ao mesmo nivel a creación artística e o deseño industrial. 
Sofá 'Bocca', do Studio 65, inspirado no retrato de Mae West pintado por Dalí.
photo_camera Sofá 'Bocca', do Studio 65, inspirado no retrato de Mae West pintado por Dalí.

Arte e deseño seguen sendo asuntos bastante diferentes, aínda que haxa moita xente -case sempre máis vinculada ao segundo que á primeira- interesada en borrar as fronteiras entre ambas.as disciplinas. Tamén é certo que eses lindes se presentan, en ocasións, dun modo moi difuso -moitas veces debido ás distorsións que o mercado introduce na experiencia do público-. Mais en xeral, e para entendernos, segue vixente a clásica fórmula de que a arte busca transformar a quen mira, mentres que o deseño ten como principal obxectivo contentar un cliente. 

Vén de inaugurarse na Cidade da Cultura a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño (1924-2020), que quere exhibir a influencia do movemento surrealista no deseño ao longo do último século. Porén, a xustificación conceptual da mostra comeza mal: "Desde os seus inicios, o surrealismo inspirouse no deseño", declaran os organizadores con desenvoltura, sen pensar que malamente podían os surrealistas inspirarse no deseño cando este, no momento en que naceu o surrealismo, estaba aínda xestándose nos talleres da Bauhaus e dos construtivistas rusos. A revolución que estes dous movementos introduciron na confección de obxectos cotiáns consistía precisamente en eliminar todo ornamento innecesario na busca dunha forma que fose coherente coa función -o título do libro do arquitecto vienés Adolf Loos, Ornamento e delito, de grande influencia na Bauhaus é suficientemente explícito sobre esta cuestión-. En consecuencia, o desenvolvemento daquel primeiro deseño evolucionou cara a unhas formulacións extremadamente racionalistas, xusto o contrario do que predicaban os surrealistas, que se inspiraban no mundo do subconsciente, da maxia, dos soños e mesmo na loucura. 

Asociacións insólitas 

Unha vez estabelecido que deseño e surrealismo parten dunhas orixes ben afastadas, si que hai que recoñecer que a fascinación dos surrealistas polas asociacións insólitas, inspiradas no método da asociación libre descrito por Freud –"a imaxe máis forte é aquela que contén o máis alto grao de arbitrariedade" di André Breton no primeiro Manifesto surrealista–, resultou inspiradora para deseñadores de todos os estilos, que non podían deixar de sentir atracción polas explosións poéticas que provocaban os choques entre obxectos dispares que alteraban o cotián. Desde ese punto de vista, paga a pena pararse nas primeiras seccións da exposición do Gaias, que mostran a temperá influencia do movemento surrealista no cinema, na moda ou no 
deseño de interiores.  

O papel da muller 

A terceira sección da mostra, "Surrealismo e erotismo" é particularmente interesante: mostra a ambigüidade do surrealismo ante a muller. Por unha parte, os surrealistas recorreron en moitas ocasións á figura feminina como obxecto de desexo altamente idealizado, como imaxe fantasmal das fantasías eróticas masculinas. Por outra parte, o movemento foi un dos primeiros en integrar mulleres transgresoras que se rebelaron contra o papel que lles reservaba a sociedade patriarcal. As obras de Meret Oppenheim ou Lee Miller son só un exemplo desa ambivalencia presente nas obras daquel movemento. 

É interesante que o público galego poida ver en directo algunhas das obras artísticas máis célebres presentes na mostra: o ferro de pasar con pugas de Man Ray, as fotografías de Claude Cahum, algún cadro de Giorgio de Chirico. Mais cómpre avisar de que o organizador da exposición é un museo dedicado ao deseño –o Vitra Design Museum de Weil am Rhein, na fronteira entre Alemaña e Suíza– para comprender que creacións –tamén moi coñecidas e sen dúbida meritorias– como a mesa con rodas de bicicleta de Gae Aulenti, a lámpada feita con pratos rotos de Ingo Maurer ou a Horse lamp de Front Studio compartan o mesmo status que as primeiras, sen polo menos propiciar algún tipo de debate sobre a definición de arte que se pretende defender. Non é igual declarar que houbo "intercambio" entre surrealismo e deseño que recoñecer a influencia do primeiro sobre o segundo.

Se cadra, a Cidade da Cultura debería esixirse algo máis a si mesma se quere, como reza o resumo executivo do seu novo Plan Estratéxico, "consolidarse como rótula do sector cultural galego". 

Comentarios