Cultura

Superación persoal, intriga e moito máis no setembro editorial de Kalandraka

Sete clásicos da literatura infantil e xuvenil protagonizan cadanseu relato entre a ficción e o biográfico en Sete chaves para abrir os soños, unha das apostas de Kalandraka de cara a setembro. Queres coñecer o resto?
Fred Vargas, unha das autoras traducidas por Kalandraka.
photo_camera Fred Vargas, unha das autoras traducidas por Kalandraka.

A editorial Kalandraka apura o final do verán coa vista posta xa na angueira cotiá, nas aulas e no fogar. Entre as novidades de setembro, atoparemos unha oferta diversa na que destaca a historia de superación e amor entre unha filla e un pai creada por Gonzalo Moure e María Girón.

Miña Guía, Meu Capitán reflexiona con emoción sobre a capacidade para ir máis aló das limitacións visuais, desde a tenrura e a admiración entre as protagonistas. Ademais do coidado mutuo, reflicte os pensamentos da cativa, as súas dúbidas e a súa especial sensibilidade.

Tamén chegará ás librarías Sete chaves para abrir os soños, unha divertida colección de relatos de Alfredo Gómez Cerdá, con senlleiros protagonistas literarios ilustrados por David Pintor. Gianni Rodari, Tomi Ungerer, Astrid Lindgren, Juan Farias, Christine Nöstlinger, Roald Dahl e Gloria Fuertes desfilan polas páxinas dun número máxico de relatos, figuras esenciais na historia da Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea.

Trala anécdota que dá lugar a cada conto transloce un labor de documentación previo que anima as lectoras e lectores a afondar na biografía e na obra destas autoras e autores. Até o punto de que esvaece a fronteira entre realidade e ficción, como se estes episodios puidesen formar parte da súa vida e mesmo explicaran dalgún modo a súa vocación literaria.

Xogar a imaxinar sobre a historia, a adiviñar que ocos se enchen coa inventiva e cales son parte do acontecido. Así, as que escriben son personaxes cun don especial que lles coloca nas mans a chave máxica para nos internar no mundo dos soños máis fermosos.

O toque máis intrigante chega da man da novela de Fred Vargas O home dos círculos azuis. E é que desde hai algún tempo, as rúas de París amencen cunhas misteriosas circunferencias trazadas no chan con xiz.

Esta premisa desencadeará unha sucesión de feitos cada vez máis estrafalarios cos que se constrúe un crebacabezas maxistral, un exemplo paradigmático da imaxinación macabra e da narrativa aguzosa da autora francesa que Antía Veres Gesto trae ao galego.

Kalandraka engade tamén un novo volume á Biblioteca de Pedagoxía: Experiencia e educación. Manuel F. Vieites é o encargado de traducir o derradeiro libro do considerado como máis preeminente teorizador da educación no século XX, John Deway.

Obra intensa e combativa, propón fronte ao modelo tradicional o da escola progresiva, que toma en consideración os impulsos, necesidades, interrogantes e intereses do alumnado, así como a interrelación do escolar co contexto.

Comentarios