CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Summoning: With doom we come

Só catro anos tardaron os Gardiáns da Terra Media en traer o seu novo traballo. Protector e Selenius ou, o que é o mesmo, Summoning, están de volta con With Doom We Come, un traballo que segue afondando na mitoloxía de Tolkien creando a banda sonora do seu universo literario. 

Este dúo austríaco é unha desas bandas de culto que se permiten o luxo de facer o que queren e cando queren. De feito, ben é sabido que a banda limítase a crear música obviando os concertos, cousa que para moita xente pode ser algo incomprensíbel, mais totalmente coherente coa propia filosofía da banda. Ao meu parecer, Summoning é unha banda que non precisa do directo, xa que desvirtuaría o traballo compositivo e levaría a converter a súa proposta noutra cousa totalmente distinta do que é.

With Doom We Come tráenos 65 minutos de black metal épico e atmosférico repartido en 8 cortes. Unha cosa que apreciamos neste novo traballo é que suavizaron o seu son. Sen apartase do black metal, as composicións son menos crúas que ás que nos tiñan acostumados en traballos anteriores e ao mesmo tempo menos escuras. Este With Doom We Come volve traernos eses teclados atmosféricos marca da casa e un traballo de secuenciación de baterías moi logrado, máis por outra banda atopamos unha produción bastante plana na que non achamos moita diferenza entre a parte puramente instrumental e vocal. Parte disto débese ao abrandamento que sufriron as composicións, que fai tamén que as voces carezan da intención na súa execución e pasen por ser un instrumento máis dentro da liña harmónica. Isto, en temas curtos, tería menos repercusión da que ten nas composicións de Summoning cuxa duración oscila entre os 7 e os 11 minutos, xa que isto lle engade unha dificultade maior na escoita, facendo difícil a súa entrada para non iniciados.

É difícil xulgar de xeito obxectivo este traballo debido a súa complexidade estilística. Un seguidor da banda, sen dúbida estaría satisfeito con este novo traballo dos austríacos. Sen ser o mellor da súa discografía, aporta o que se espera, na grandilocuencia e a creación de atmosferas, malia ao seu afastamento da escuridade, proporciona pouco máis de unha hora de inmersión dos mundos de Tolkien e a súa épica. Un neófito no traballo de Summoning atopará un disco duro escoitar, mesmo excesivamente denso e pesado para poder escoitalo de seguido e seguramente non entenderá nada do que a banda quere transmitir co que está a escoitar; aínda así, cabe a posibilidade de que fique enganchado nese mundo durante a escoita de temas como Silvertime e que perda a noción do tempo e da realidade até ao seu fin. Mais sexas fan ou non de Summoning, pega a pena darlle unha escoita e descubrir os sons do black metal atmosférico  que este 2018 chegan dende Austria

Summoning nas redes

Facebook: https://www.facebook.com/SummoningOfficial/

Listaxe de Temas

1. Tar-Calion

2. Silvertine

3. Carcharoth

4. Herumor

5. Barrow-downs

6. Night Fell Behind

7. Mirklands

8. With Doom I Come

Comentarios