Contracultura

Sue Camaño: "Os poemas non son unha lectura fidedigna dos clásicos, son unha versión persoal e introspectiva"

Sue Camaño, filóloga e profesora, foi galardoada co Premio de Poesía de Vilalba polo seu poemario As feridas dun amor efémero. Camaño aborda as obras e mitos clásicos que inspiraron os seus versos así como os temas máis presentes na historia da literatura que, como ela di, “autoras e autores intentamos replicar en maior ou menor medida”.
Sue Camaño compaxina a docencia coa escrita poética (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sue Camaño compaxina a docencia coa escrita poética (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu 'As feridas dun amor efémero'?
Comecei a escribir sen ningún tipo de pretensión, simplemente por facer algo. Parecíame mellor escribir que estar mirando a televisión e cando vin o anuncio do Premio de Poesía de Vilalba decidín intentalo, tamén co pensamento de que se daba escrito o texto estaba ben, e se non era quen, non pasaba nada.

Eu estudei filoloxía hispánica e o que fixen durante os dous meses que durou a escrita do poemario foi unha reelaboración deses clásicos e dos temas de sempre: o amor e o desamor, a morte, o paso do tempo, a angustia existencial... Unha sorte de literatura comparada. E por iso tamén bebe moito de Federico García Lorca, de Rosalía de Castro, de Antonio Machado, de Garcilaso de la Vega, de Francisco de Quevedo, de Jorge Manrique... E podería seguir até o infinito.

É o que me gusta ler e por iso penso que é o que me gusta escribir, o que me sae. Claro, como digo, eu escribino sen maior pretensión, nunca pensei que fose gañar nin que se publicaría o libro. Agora, se o penso, vexo que hai moita introspección e subxectividade. Non sei se escribiría algo así agora, xórdenme sensacións como de vergoña porque parece que é espir a alma, falar de sentimentos moi profundos. 

Esta reelaboración dos clásicos foi coa intención de darlles unha perspectiva actual?
Si, mais tamén de engadirlles unha visión subxectiva, como percibo eu estes temas de sempre a partir deses clásicos. Ao longo da historia literaria penso que hai unha serie de constantes que se van repetindo e que autoras e autores intentamos replicar en maior ou menor medida.

Eu aínda son unha principiante, polo que o que intento facer é inspirarme nesas cousas que levo estudando toda a vida. No poemario, tamén hai moito de mitoloxía, por exemplo a través dun soneto de Garcilaso que aborda o mito de Apolo e Dafne ou introducindo personaxes como Venus e aí tamén hai unha reinterpretación. É dicir, coñeces o mito e engades o teu punto de vista, a túa perspectiva, para facelo un pouco parte de ti e tamén para pensar como podería darse hoxe en día. É como unha forma de actualizar un clásico ou de personalizalo. 

Tamén é certo que eu non tiven que facer relecturas para este traballo porque son clásicos que teño moi interiorizados, que son moi coñecidos para min, polo que a impresión que teño é que non é unha lectura fidedigna dos clásicos, é máis ben unha versión persoal que parte 
da introspección. 

Cre que pode ser unha forma de achegar os clásicos á xente nova?
Non era a miña intención porque ademais penso que é moi complicado, son textos un pouco densos e ademais sendo poesía entendo que non chama tanto a atención da rapazada. Eu teño unha forma de ver o mundo particular, xa que con 15 anos xa me apaixonaba ler clásicos da literatura galega e castelá. Non sei exactamente de onde me veu este interese porque sempre foi como algo innato. Chegaba á casa, poñíame a ler ou a traducir latín. Iso si, as matemáticas non as tocaba, para min era horroroso e era moi mala estudante nese eido. E na carreira ocorreu o mesmo: o que máis me apaixonou foi a lectura dos clásicos e as materias de literatura. 

No meu caso, cando menos, penso que non ten nada que ver coa contorna, é algo que me saíu así desde sempre. Lembro que cando cumprín 16 anos a miña irmá agasalloume unha edición de Il Canzoniere, de Petrarca, e a Divina comedia, de Dante e que eu os lía sen entender na súa totalidade, mais xa tiñan algo que me chamaba moito a atención. Supoño que a musicalidade dos poemas e dos termos, os xogos de palabras... Co tempo vas vendo que faltaba madurez para iso e tamén é certo que a relectura uns anos despois tamén é algo moi enriquecedor.  

Comentarios