Linguas e Cinema

Subtitular para conservar a diversidade lingüística

O simposio internacional As linguas e o cinema, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela no marco do proxecto “EU-VOS”, abordou en Compostela a relación das pequenas cinematografías co subtitulado e a súa relevancia na preservación da diversidade lingüística.
Presentación de resultados do proxecto EU-VOS (GEA)
photo_camera Presentación de resultados do proxecto EU-VOS (GEA)

O galego resoaba nas salas do festival de Cannes por primeira vez este ano, e facíao co dialecto dos Ancares da man da galardoada O que arde, de Oliver Laxe, sen dúbida o acontecemento cultural do ano. Unha serie en galego, O sabor das margaridas, rexeitada no mercado estatal por estar nesta lingua, triunfa entre os contidos máis vistos de fala non inglesa no Reino Unido na plataforma Netflix. Dúas novas aparentemente  inconexas, pero que nos levan a reflexionar sobre a importancia de dous fenómenos, o subtitulado e a dobraxe, xunto coas políticas que se artellan en torno a eles, clave para aquelas cinematografías que traballan desde linguas minorizadas.

Este foi o tema que ocupou investigadoras de diferentes países os pasados 12 e 13 de decembro na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, no marco do Simposio Internacional As linguas e o cinema (II). Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas. O congreso, promovido polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA), pecha un proxecto de investigación europeo, “EU-VOS”, propoñendo un encontro aberto á comunidade universitaria e ás persoas profesionais do sector audiovisual. As investigadoras achegaron, desde a multidisciplinariedade, perspectivas diferentes sobre a relación das pequenas cinematografías co subtitulado e a súa relevancia na preservación da diversidade lingüística como parte do Patrimonio Cultural Inmaterial Europeo.

Galego, catalán e euskera

Na Galiza a situación vese agravada por “un marcado desinterese por parte das institucións públicas para elaborar políticas dotadas de financiamento coas que pór fin á práctica inexistencia de subtítulos en lingua galega”, sinalan desde o GEA

Unha das pedras angulares deste congreso, que pecha varios anos de traballo, foi a presentación de resultados de estudos particulares sobre a versión orixinal subtitulada en linguas non hexemónicas no ámbito estatal (galego, euskera e catalán), coa constatación das grandes diferenzas existentes. Se o caso catalán evidenciou unha “contundente aposta pública” polo fomento do cinema en catalán con regulamentos e outras medidas –mesmo con controis para o seguimento da calidade do subtitulado e da dobraxe por parte do Departamento de Política Lingüística ou un intento de estabelecer cotas de subtitulado–, o vasco destaca por un cambio de tendencia cara ao consumo audiovisual subtitulado, especialmente notorio en novos formatos e por parte da mocidade.

A análise do caso galego, presentada por Marta Pérez Pereiro e Fernando Redondo Neira, acusou o mesmo prexuízo que apareceu co euskera en canto ao temor dos axentes implicados a producir e exhibir na lingua propia, máis froito dunha sorte de autocensura e descoñecemento propios que das barreiras reais impostas. Porén, na Galiza a situación vese agravada por “un marcado desinterese por parte das institucións públicas para elaborar políticas dotadas de financiamento coas que pór fin á práctica inexistencia de subtítulos en lingua galega”, sinalan desde o GEA. En tal contexto, as principais iniciativas para paliar este problema foron promovidas desde o eido privado, asociativo, cineclubista e amador.

Un problema europeo

O experto francés Jacques Guyot abordou a situación no panorama internacional apuntando a necesidade de revisar o tratamento da “diversidade lingüística” en textos da contorna e analizar criticamente os seus límites. A pesar do aparente compromiso co multilingüismo, detecta nestes documentos unha lectura edulcorada da defensa da diversidade lingüística, que o investigador atribúea á oposición de moitos países con vínculos históricos conflitivos coas linguas minorizadas.

Jacques Guyot detecta nos textos da contorna internacional unha lectura edulcorada da defensa da diversidade lingüística

Nesta dirección sinala a profesora Antía López, destacando a urxente necesidade dunha redefinición e conseguinte protección da nacionalidade da obra audiovisual vinculada á elección lingüística orixinal que ten que ter lugar no proceso de produción. Unha redefinición na que quer a versión orixinal (VO) quer a versión orixinal subtitulada (VOS) deberían considerarse evidencias da preservación de dita nacionalidade, recoñecendo desta maneira na obra audiovisual un inequívoco valor patrimonial para a cultura europea no seu conxunto, e máis nas súas formas particularizadas.

Enrique Castelló, investigador principal do proxecto “EU-VOS” xunto á catedrática de ciencias da comunicación Margarita Ledo, presentou os principais aspectos dunha consulta realizada no marco do investigación con persoas expertas da contorna europea, atendendo aos eixo profesional, institucional e da academia.

O estudo mostra consensos en cuestións chave como a necesidade de que a promoción e o apoio á produción cinematográfica en linguas non hexemónicas sexa abordada a nivel europeo e estatal (e non só rexional) ou que a calidade daqueles subtítulos financiados con fondos públicos sexa avaliada por especialistas na lingua e na tradución audiovisual. Tamén se evidenciou o papel normalizador que os repositorios de subtítulos están chamados a xogar, favorecendo a circulación e reemprego en diferentes plataformas.

Sobre aquelas cuestións que non acadaron acordo na consulta, sometidas a debate na segunda xornada do simposio, constatouse un cambio de paradigma no consumo e no mercado do audiovisual que debería levar a desbotar ideas de vello sobre o excesivo custo do subtitulado –estimado polo investigador Pablo Romero en 0,01% do orzamento final dun filme– o seu beneficio.

A partir das propostas que xurdiron no debate e dos resultados da pescuda que se puxeron en común nestas xornadas, a equipa do proxecto “EU-VOS” elaborará un listado de indicadores e recomendacións

Indicadores para unha política do subtitulado

O subtitulado preséntase como unha oportunidade de conservación da diversidade lingüística. O anterior proxecto do grupo xa estabelecera a importancia irrenunciábel da dispoñibilidade de películas en VO e VOS no actual mapa cultural europeo como garantía da circulación dos contidos. “EU-VOS” continuou esta liña considerando o cinema en linguas non hexemónicas “como parte dun proceso urxente de revisión dun discurso institucional adrede redutor”, segundo advertía Ledo na inauguración do simposio.

A partir das propostas que xurdiron no debate e dos resultados da pescuda que se puxeron en común nestas xornadas, a equipa do proxecto “EU-VOS” elaborará un listado de indicadores e recomendacións “encamiñado a reorientar as accións de carácter aleatorio, fragmentario e continxente que están a desenvolver os diferentes países da Unión Europea” en favor dunha “política harmónica de subtitulado en linguas non hexemónicas que contribúa, de maneira efectiva e sistemática, á preservación da diversidade cultural e lingüística da cinematografía europea”, comunican desde o GEA.

Comentarios