‘Subsolo rap fest’: un festival independente a xerar espazos para a escena underground do rap galego

A quinta edición deste festival independente vai ser o 1 de abril en Compostela com propostas de Portugal, Lugo e a capital de Galiza.

rap Ignis verbis
photo_camera Ignis Verbis

O vindeiro 1 de abril terá lugar a V edición do Subsolo rap fest, o festival independente de música rap que se vén realizando de maneira intermitente desde o 2009. A cita vai ser en Compostela, na sala Moon e nela actuarán galegos e portugueses. Entre os obxectivos do festival, tal e como sinalan desde a organización, está a de “xerar un espazo de refrencia para a escena underground” do rap en Galiza e no resto da Península Ibérica. Tamén recoñecen como unha das finalidades do festival a de organziar eventos fóra do circuito das radiofórmulas e da lóxica mercantil.

Ignis Verbis vai ser unha das actuacións desta V edición. Desde Setúbal (Portugal), chega este proxecto no que se fusiona o rap (da man do Xoto) e o rock dos Empty Heads, contando coa produción de Dysiled.

Quen non faltará a este festival é o compostelán Furnier, un clásico do ‘Subsolo’ e que ten xa editados catro traballos. Desde Lugo chegan dous grupos emerxentes da escena, que farán unha actuación en combo conxunto. Trátase de Goma2Crew & SUD-AK´s.

Tras o concerto haberá unha “after party” na Taberna-Pub O´Pozo para poñer o ramo. Alí estará DJ Russinha, membro fundadora do grupo de rap e trap feminista Mulheres Na Batida.

En edicións anteriores teñen pasado por este festival Rebeliom do Inframundo, Pura Mestura ou Kaos, entre outros.

Comentarios