sábado 30.05.2020
Primeiro disco en solitario

A canción en tránsito de Su Garrido Pombo

Su Garrido Pombo (Vigo, 1982) tivo unha epifanía cando, en 2003, viu Caetano Veloso actuar no parque de Castrelos. “Subiu só ao palco, fondo negro, unha cadeira e unha guitarra. Cantou e encantounos hora e media”, lembra. Ela, música de formación e por elección, tomou partido: pola sobriedade como modelo, pola apertura estilística como horizonte. Vén de facerse co premio "Narf" da Deputación da Coruña.

Su Garrido Pombo. Foto: cedida.
Su Garrido Pombo. Foto: cedida.

A 15 anos daquel día, e despois de numerosos proxectos colectivos, Garrido Pombo publica o primeiro disco ao seu nome, o autoeditado quedo a vivir aquí. “Naquel concerto da xira Eu não peço desculpa vin que a voz e a guitarra debían ser protagonistas, pero estaba tan lonxe...”, explica a Sermos Galiza, “ate que hai seis anos, despois de traballar en mil cousas e tocar en mil bandas, deixeino todo e marchei a Dublín tocar na rúa”.

cuberta quedo a vivir aquí - su garrido pombo

Aquela decisión tranformou a súa ollada sobre a materia coa que traballaba. “Decateime de que o máis honesto que fixera na vida era cantarlle á xente”, di. Sobre ese argumento armou un repertorio —o que contén o seu primeiro traballo en solitario— de procedencias diversas. Hai folk, hai jazz, hai bossa nova, hai pop, hai a para ela importantísima Beth Gibbons de Portishead, hai xogo de loops. E hai a súa propia voz, de rexistros amplísimos e a potencia unificadora do traballo.

“Eu medrei na aldea. Foi onde aprendín a cantar e a idea de que te podes comunicar a través da arte”, expón. Traspielas, na montaña do concello de Fornelos de Montes, atópase no fondo de quedo a vivir aquí. Que se nutre, non obstante, de viaxes por moitos lugares e dunha existencia “heteroxénea”. “E fala moito de min, aínda que non escriba en primeira persoa”, engade.

A lírica do disco aliméntase de poetas como Ana Romaní, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga —autora do verso que o titula—, o irlandés Keith Payne. Ou da literatura popular, como o romance de tradición familiar que narra unha historia de represión na Guerra Civil. “Estou rodeada de poetas. A poesía resulta fundamental para me explicar a min mesma. Sempre precisei as palabras de outros para comprender o que pasa”, conclúe.

A cuberta de quedo a vivir aquí é unha porta ao exterior. O debuxo, como o deseño do disco, é tamén obra de Su Garrido. “Aínda que decidín volver a Vigo e quedar aquí, con todas as implicacións que iso ten”, sinala, “sempre existe unha porta aberta”. A posibilidade da fuxida, ou as liñas de fuga musicais que atravesan o disco, é unha necesidade.

Su Garrido reparte agora o seu tempo sobre os escenarios co proxecto Son Trío, en que revisita a obra de Rosalía de Castro coa pianista Katerina Linke e o cello de Susanna Blanco. O seu primeiro traballo en solitario levouna a Porto, onde actuou o 9 de outubro no Bar Embaixada e ao día seguinte na Casa Bô. A pasada sexta feira resultou gañadora do premio Narf impulsado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Nota: cuberta do disco de Su Garrido Pombo quedo a vivir aquí.

comentarios