Anuncia unha “reducida xira moi especial”

O 'street punk' de Skacha volve aos escenarios sete anos despois

Foi unha das bandas que moldaron o punk vigués na mudanza de século. Orgullo de clase, a rúa como escenario, apoloxía da insurrección contra o estado de cousas. Nove anos despois do seu último disco, Catro (2010), e sete despois da súa última xira, Skacha anuncian o regreso aos palcos.
 

skacha en 1993
photo_camera Skacha nunha fotografía de 1993. Foto: Skacha.

Será en 2019 cando a formación que gravou A ferro e lume (2006) despregue “unha reducida xira moi especial”, segundo anunciou nun breve comunicado publicado esta segunda feira na súa páxina de Facebook. Esteban na voz, Kino na batería e coros, Gontxu na guitarra e coros, Pablo no baixo e coros, e Max na guitarra responden así “aos moitos que pedían a berros a volta da banda viguesa e dos seus himnos”.

A traxectoria de Skacha comezou en 1991. No 95 gravaron o seu primeiro traballo, o mítico Sempre ceibes. No EP Estado de sitio (2001), o grupo de street punk -xa con centos de seguidores e un nome de referencia nas escenas galega e estatal- debuxou a súa propia xenealoxía a forza de versións: unha de Desvirgheitors, outra de Oxtiax Ke Te Pariu, outra dos Raiados e outra de Kruze De Cables. Ao fondo, o punk obreiro inglés post 77.

Xustiza Cega (1997) e Skacha (1999) completan a discografía dunha banda que, canda Keltoi, Soak, Disturbio 77 ou Tiro na Testa, definiu a paisaxe dun punk galego insubordinado e absolutamente independente durante a era Fraga Iribarne.

Comentarios