CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Steve Jobs'

Biopic do programador e magnate da informática Steve Jobs a través da presentación do lanzamento de tres produtos en tres momentos históricos distintos

SteveJobsFassbender

Case sen tempo a recuperarnos do oportunista biopic perpetrado fai dous anos sobre a figura de Steve Jobs cun Ashton Kutcher que rozaba o ridículo, chega agora unha nova achega arredor da vida e obra do co-fundador de Apple a cargo, desta volta, do británico Danny Boyle, que dirixe baixo os parámetros do guión escrito pola man do respectado e controvertido dramaturgo Aaron Sorkin que, curiosamente, tamén adaptara a outro magnate da informática: o creador de Facebook Mark Zuckerberg no filme de David Fincher A rede social; traballo polo cal obtivo o Óscar a Mellor Guión Adaptado.

Con Steve Jobs meteuse xa no peto o Globo de Ouro a Mellor Guión mais non poderá correr a mesma sorte nos Óscar 2016 xa que este ano non está nomeado. Baseándose na biografía autorizada de Walter Isaacson a trama divídese en tres actos. Tres momentos na vida de Steve Jobs que coinciden con tres das emblemáticas presentacións de sobre o respectivo lanzamento de senllos produtos: o Macintosh en 1984, o NeXT no 88 (tras ser expulsado da compañía) e remata coa presentación triunfal do iMac en 1998. A acción desenvólvese entre bambalinas a modo dunha sorte de Birdman tecnolóxico con insercións de flash-backs, ben dosificados iso si, de momentos chave na vida de Jobs. Danny Boyle perde en estilo cedendo ás influencias de Iñárritu, porén logra un interesante biopic atípico. Para empezar non trata que o actor se pareza “exactamente” á personaxe que interpreta. Si é certo que Michael Fassbender (Macbeth, 12 anos de escravitude) ten un aire (desde lonxe) e quizais se asemella nos xestos, pero en absoluto se opta por esa exactitude física case obsesiva que hai ás veces, a maior gloria de maquilladores e creadores de próteses nasais, que acaban por enmascarar por completo a interpretación. Aquí non. Aquí Fassbender ten liberdade interpretativa sen ter que aturar máscaras, perrucas, horas de maquillaxe nin atrezzo de ningún tipo. Liberdade de movementos para facer o que mellor sabe: actuar. Non por nada leva xa unhas cantas nomeacións entre as que destaca a dos premios BAFTA e a recente anunciada nos Óscar... O mesmiño que Kate Winslet (Titanic, Sentido e sensibilidade) que fai o rol da secretaria persoal de Jobs nun soberbio papel no que está irrecoñecible. A pesares de contar con menos minutos, ela si obtivo galardón a Mellor Actriz Secundaria nos Globos de Ouro. Non queda á zaga Seth Rogen (Lea embarazosa, The Interview) que cambia a traxectoria de cómico escatolóxico para sorprender a propios e estraños cun rol dramático encarnando a Steve Wozniak, co-fundador de Apple e mellor amigo de Jobs. Sen dúbida a mellor interpretacións da súa carreira que, ao meu parecer, merecía o mesmo trato que Winslet por parte da Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood. O filme destaca pola presenza do extraordinario reparto e por uns diálogos lixeiros e punzantes cargados de palabras técnicas e sentimentos encontrados. “Pode un gran home ser un home bo?” reza unha das frases promocionais do filme.

En Steve Jobs móstrase, sen xulgar, ao xenio: un home de ego enorme, apaixonado de Bob Dylan, de inxenuidade case infantil e cunha autodeterminación a proba de bombas... mais tamén un home con enormes carencias, sobre todo no campo social, afectivo e familiar. O espectador deberá sacar as súas propias conclusións. Haberá quen comprenda porqué fixo o que fixo, pero tamén haberá a quen se lle caia definitivamente o mito. Unha boa elección para esta tempada pre-Óscar.

STEVE JOBS

(Estados Unidos 2015, 122 min.)

Dirección: Danny Boyle

Guión: Aaron Sorkin

Fotografía: Alwin H. Küchler

Música: Daniel Pemberton

Elenco: Michael Fassbender, Kate Winslet, Seth Rogen, Jeff Daniels, Michael Stuhlbarg, Katherine Waterston, Sarah Snook, Perla Haney-Jardine, Ripley Sobo, Makenzie Moss

Comentarios