Stephanie Gómez, carballesa de 25 anos nomeada a un Emmy: "Na Galiza cremos que estas cousas non pasan, pero non é así"

Stephanie Gómez Vieites ten 25 anos, é de Carballo e este sábado podería gañar un premio Emmy como parte do equipo de 'Made in America', unha curtametraxe que aborda a inserción dunha familia de orixe latina que emigra aos EUA.

Stephanie Gómez (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Stephanie Gómez (Imaxe: Nós Diario)

Este traballo competirá nunha edición territorializada dos Emmy Awards -xunto a outros proxectos do sueste do país- tras a súa emisión o pasado mes de xaneiro na cadea pública do Estado de Xeorxia, a Xeorxia Public Broadcasting (GPB). 'Made in America' xa conta con varios premios e nomeamentos no seu palmarés, entre os que destacan tres Telly Awards á mellor dirección, ao mellor guión e como mellor traballo de inclusión social.

Orixinal de Carballo pero nacida en Venezuela -os seus avós son galegos que emigraron ao país latinoamericano-, Stephanie Gómez estudou o grao en Comunicación Audiovisual en Pontevedra e conseguiu unha bolsa para facer o terceiro ano en Atlanta.

De volta na Galiza, traballou durante un verán para poder volver aos EUA unha vez terminase a carreira. Así, após tres meses con permiso turístico, puido quedar máis tempo nesta cidade grazas a que conseguiu traballo nunha axencia de publicidade -actualmente, traballa para outra firma estadounidense pero a distancia, desde a Galiza-.

Durante a súa estancia en Atlanta coñeceu a actriz e directora salvadoreña Armida López, quen estaba a recrutar un equipo conformado por só mulleres para construír 'Made in America'. E este sábado, nunha gala emitida a partir das 19 -hora local-, podería facerse cun Emmy se vence a otras tres curtas na categoría de Artes e Entretemento.

"Na Galiza vemos como todo pasa no exterior, como todo esta fóra e cremos que estas cousas non pasan, pero non é así", expresa Stephanie Gómez, nunha entrevista concedida a Europa Press a un día de que se desvelen os premiados.

Unha bolsa da universidade, o primeiro paso

O que lle pasou a ela é a proba que desmente que Galiza "sexa pequena" e haxa "pouco campo" para o audiovisual, xa que quen lle deu a súa primeira oportunidade de cruzar o charco foi a propia universidade a través dunha bolsa: "E a iso tivemos acceso todos, porque eu nin sequera era a mellor da miña clase".

Para Gómez, visibilizar a súa experiencia e o galardón co que se podería facer o sábado significar crear referentes para as novas xeracións do sector na Galiza: "Se eu vise isto cando estaba a crecer, teríame inspirado moito ao saber que hai unha galega aí".

Ela foi a primeira do equipo en decatarse do nomeamento ao Emmy. Recibiu a noticia un domingo pola noite na súa casa de Carballo, a través dun 'mail' que levaba xunto un documento de 126 páxinas. Cando conseguiu atopar o curto entre todas elas, estaba coa súa nai.

"Estabamos a ver a tele e dígolle: 'Mamá, que me nomearon a un Emmy'; e non me creu, pero nese momento empecei a chorar e chamei a Armida (a directora do curta) e aí xa si me creu. Dos meus amigos tampouco ninguén me creu, pensaban que era broma até que o colguei nas miñas redes sociais", relata.

A un paso do Emmy

En 'Made in America', Armida López reflicte a súa propia historia e como a súa nai tivo que deixar o seu país de orixe e se asentou en Atlanta sen traballo e sen diñeiro, até que un doutor lle deu a oportunidade de traballar nun hospital.

Para Gómez, a curta é merecedora dun Emmy porque "reflicte a versión real" dos inmigrantes nos Estados Unidos, que son vistos como "cidadáns de segunda".

"Adoitamos ter na cabeza o inmigrante como alguén que vén ao teu país quitarche o traballo. Pero é todo o contrario, é xente que vén coa esperanza de darlle aos seus fillos algo mellor e logo atópase co rexeitamento social", explica a moza carballesa, encargada da posproducción desta curta que contou cun "baixo orzamento".

Ademais desta temática, considera como "moi innovador" o feito de que o equipo responsábel deste traballo estea composto por "mulleres negras e mulleres latinas", un factor de diversidade que lle fai pór o foco naqueles colectivos "aos que lles custa máis ser contratados".

En definitiva, a moza carballesa recalca que 'Made in America' merece o Emmy "pola visibilidade tanto da inmigración como das mulleres no mundo audiovisual".

Comentarios