CRíTICA DE CINEMA

Star Wars: 'O espertar da forza'

A sétima entrega da mítica saga. 

Star wars(1)

STAR WARS VII: O ESPERTAR DA FORZA 
Star Wars VII: The Force Awakens
(Estados Unidos 2015, 136 min.)
Dirección: J.J. Abrams
Guión: J.J. Abrams e Lawrence Kasdan
Fotografía: Daniel Mindel
Música: John Williams
Elenco: Daisy Ridley, John Boyega, Harrison Ford, Carrie Fisher, Oscar Isaac, Lupita Nyong’o, Mark Hamill, Gwendoline Christie, Adam Driver, Domhnall Gleeson, Max von Sydow, Anthony Daniels, Peter Mayhew, Kenny Baker, Warwick Davis, Tim Rose, Mike Quinn, Simon Pegg, Maisie Richardson-Sellers, Christina Chong, Ken Leung, Jessica Henwick, Andy Serkis

SINOPSE
Anos despois da destrución da segunda Estrela da Morte, Luke Skywalker está desaparecido. Unha nova Alianza Rebelde trata de atopar a Luke antes de que o faga unha Primeira Orde creada a partir do antigo Imperio Galáctico e cambie o destino da Galaxia.

CRÍTICA
Todo fan de Star Wars que se prece sabe perfectamente que as precuelas non contan. George Lucas matara a súa propia creación cunha triloxía que pretendía ser pioneira no uso dixital pero, a día de hoxe, parecen debuxos animados. Dito isto, había unha enorme expectación no proxecto de Star Wars VII. A priori a cousa non pintaba demasiado ben: Walt Disney no medio como produtora (sic) xunto a un director como J.J. Abrams á fronte cun historial bastante discutible: decepciona co final da serie Lost, plaxia (el di que homenaxea) a Spielberg en Super 8 e, por riba, ven de estragar o clásico de Star Trek coa súa teima de meter, sen sentido narrativo algún, unha morea de luceciñas e destelos azuis por diante das personaxes. Pronto recibe o despectivo alcume de “Jar Jar” Abrams entre os fans de Star Wars. 

"Todo fan de Star Wars que se prece sabe perfectamente que as precuelas non contan"

Ninguén confía en que poida facer algo decente. Mais unha vez recoñece o seu problema coa teima do “destelo azul” e da a súa palabra de non abusar del en Star Wars, a cousa muda por completo. Fotografías con maquetas a tamaño real xunto a un X-Wing ou no medio do deserto animan ao optimismo. A cousa prometía e a data da estrea xa levaba meses marcada en vermello no calendario. Chegou o día. Media de idade de trinta para arriba. Un par con disfrace, outros con careta, espadas láser ao cinto e caixas de flocos de millo co logo da peli enmarcaban unhas facianas riseiras e ilusionadas. Apenas un par de anuncios e... tachán! o logo de Lucas Film, “Fai moito tempo, nunha galaxia moi moi lonxana”... STAR WARS. Música a todo trapo de John Williams e as míticas letras que descorren pola pantalla ante un público ansioso, que agarra con forza a man da parella ou simplemente queda coa boca aberta. E ata aquí podo ler que non quero facer spoilers. Que se me gustou? Que pode dicir un tipo que tiña varios bonecos (C3P0, Chewacca, Han Solo un ewok) e xogaba no recreo a representar escenas de O Retorno do Jedi cun amigo chamado Iván (ao que perdín logo a pista) en lugar de xogar á pelota? Que se me gustou?

Como non me vai gustar que me transporten de novo a eses anos felices? Como carallo non me vai gustar! E é que O Espertar da Forza é a primeira parte dunha esperanzadora triloxía enfocada para fans. Tamén para o resto, por suposto, pero sobre todo para fans. J.J. Abrams, a pesar do pouco que se cría nel, foi capaz de recuperar o espírito orixinal que Lucas botara por terra. A tecnoloxía vai acorde coas “orixinais” (episodios IV, V e VI) e saen practicamente todos os que sobreviviron a O Retorno do Jedi: Han Solo, Chewacca, o almirante Akbar, Leia... Si, falta Lando, Wedge e algún máis que se me escapa (ou non podo desvelar), pero a maioría das personaxes volve, e non precisamente con meros papeis de figurantes. 

Star Wars(2)O toque de nostalxia se apoia nuns novos valores con suficiente carisma como para callar na audiencia: Daisy Ridley (Rey) como unha chatarreira con ansia de seren piloto, John Boyega (Finn) que fuxe para atoparse a si mesmo e Óscar Isaac (Poe Dameron) na pel do mellor piloto da galaxia, xunto a un malvado de psiquiátrico (Kylo Ren) que é para dar de comer aparte. J.J. Abrams e Lawrence Kasdan firman un guión que é unha continuación do episodio VI pero conecta directamente co episodio IV a través dunha estrutura cuspidiña a aquela pero, é que? Esta falta de orixinalidade esquécese cando nos metemos de novo no Falcón Milenario (presentado dunha maneira extraordinaria), ou vemos sucar o espazo aos (mellorados) X-Wing, ou escoitamos o ruxir dos Tie-Fighter (con homenaxe incluído a Apocalipse Now), ou o bater dos sabres de luz (por moito que non convenza a espada do malo). Efectos especiais que mesturan decorados e maquetas “tradicionais” co máis avanzado CGI. Atención ao robot “bola” BB-8: a pesares do que poida parecer, non está feito por ordenador. Marabilla. Realismo elevado ao máximo expoñente que deixa a un olliplático e co sorriso de orella a orella durante días. Esta nova saga apunta a outra xeración máis de frikis e, probablemente, sexa dos poucos fenómenos cinematográficos capaz de unir a imaxinería colectiva de avós, pais e netos. 

Comentarios