CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Spotlight, filme imprescindíbel para o alumnado de xornalismo

O noso crítico de cabeceira disecciona Spotlight ou como o xornalismo de investigación pode desentrañar verdades incómodos para os poderes.

fotograma2

SPOTLIGHT
(Estados Unidos 2015, 128 min.)
Dirección: Thomas McCarthy
Guión: Thomas McCarthy e Josh Singer
Fotografía: Masanobu Yakayanagi    
Música: Howard Shore
Elenco: Mark Ruffalo, Michael Keaton, Rachel McAdams, Liev Schreiber, Stanley Tucci, Billy Crudup, John Slattery, Brian d’Arcy James, Gene Amoroso, Elena Wohl, Doug Murray, Paul Guilfoyle, Brian Chamberlain

SINOPSE
Un grupo de reporteiros do Boston Globe retoma un caso esquecido de pederastia no eido da igrexa católica a pesares das reticencias sociais, relixiosas, dos medios de comunicación e da xustiza. Ninguén quere que unha verdade incómoda saia de novo á luz.

CRÍTICA

Todo o periodismo está ao servizo do poder. Todo? Non... un grupo de irredutíbeis periodistas resiste agora e sempre á manipulación. Disto trata precisamente Spotlight, un filme baseado en feitos reais que saca a palestra a verdadeira historia dun grupo de reporteiros que destapou un dos maiores escándalos dos Estados Unidos: os abusos sexuais aos que se vían sometidos os menores que tiñan algunha relación coa igrexa de Massachussets. Unha causa xulgada en 1976 pero que foi silenciada sistematicamente polas partes interesadas, en connivencia, claro, cos medios de comunicación, a burocracia e, por suposto, a igrexa. En 2002, chega ao Boston Globe un novo director (Liev Schreiber) con gañas de dar un xiro editorial cunha gran historia que volva a poñer o xornal coma referente rexional. Así que decide retomar aquel caso pechado, sobre o que pesaban moitas incógnitas, coa axuda dun grupo de catro xornalistas independentes (Michael Keaton, Rachel McAdams, Mark Ruffalo e John Slattery) que forman o grupo de investigación chamado Spotlight, acostumado a poñer o “foco de atención” en realidades incómodas. A medida que avanzan nas investigacións descobren que existe unha verdadeira trama que parece abarcar máis do esperado. Xornalismo de investigación comprometido e valente que logrou destapar unha noxenta trama que salpicaba a igrexa local, a pesares de que a maioría dos lectores do Boston Globe eran católicos. Profesional, porque tiveron que escoitar as estremecedoras testemuñas dos afectados. Decidido, porque sortearon as negativas e obstáculos legais para seguir adiante. Arriscado, porque preferiron esperar antes de pararse só na igrexa de Boston. Exemplar, porque chegaron até o final do asunto destapando toda a podremia da Igrexa Católica por todo o mundo.

Spotlight non aborda temas escabrosos. Salvando un par de testemuños que poñen a pel de galiña, a cousa tira máis polas entrevistas, controversias profesionais, investigación e dúbidas morais

Thomas McCarthy (The Visitor, Vías Cruzadas) retoma esta historia para a gran pantalla 40 anos despois dos feitos iniciais -de 1976- para dar homenaxe, non só ao verdadeiro xornalismo, senón tamén para darlles voz a todas esas persoas damnificadas que sufriron abusos sexuais, foron ignoradas por todos e agora tratan de levar unha vida normal a pesar das secuelas psicolóxicas. Persoas que decidiron lembrar e dar a cara para evitar que se volva a repetir unha cousa semellante. Pero tranquilidade, a pesar de falar de pederastia, Spotlight non aborda temas escabrosos. Salvando un par de testemuños que poñen a pel de galiña, a cousa tira máis polas entrevistas, controversias profesionais, investigación e dúbidas morais. A maior parte do filme discorre entre a vida dos reporteiros e as conversas coas partes afectadas. Manter un filme de máis de dúas horas con só isto pode parecer un suicidio de aburrimento, mais a montaxe, as xeniais interpretacións e a posta en escena logran evitar o tedio do persoal. Non só iso, senón que Spotlight ten nada menos que seis nomeacións aos Óscar: Película, Director, Actriz Secundaria (McAdams), Actor Secundario (Ruffalo), Guión Orixinal e Montaxe. Dubido moito que se faga con algún, e non por demérito propio, senón porque a competencia nas categorías que compite apuntan a outro/as candidato/as. Porén xa é bastante mérito estar nomeado un filme que fala dun tema tan controvertido ao que, con estes eventos, se lle dá unha enorme visibilidade. Recordemos que vén de ter presenza tamén nos Globos de Ouro, Toronto, Venecia, aínda ten varias opcións de premio nos BAFTA e acumula unha recua de aclamacións da crítica especializada. Moi recomendábel para quen queira fuxir dos blockbusters e obrigatoria para todo estudante de xornalismo.

Comentarios