Os días 5 e 6 de xaneiro, os 'bandos' bótanse a cantar en Arcade

Soutomaior recupera os cantares de Reis

Cada vez son máis os lugares que recuperan a tradición dos cantos de Reis, un xénero que xerou formas musicais propias e que constitúe unha parte moi relevante do patrimonio inmaterial da Galiza. En Soutomaior, a veciñanza únese para rescatar do esquecemento este tesouro literario e musical. 
Un bando de Reis de mediados do século XX en Soutomaior.
photo_camera Un bando de Reis de mediados do século XX en Soutomaior. (Foto: María Menduíña)

No Nadal cántanse as panxoliñas; no Aninovo, as xaneiras; e os días 5 e 6 de xaneiro, os cantares de Reis. O vello costume de xuntarse en grupos para percorrer as parroquias e as aldeas cantando polas casas é tan vello como a memoria. E o repertorio de cántigas que se interpretaban naqueles percorridos, tamén. A tradición pasou por malos momentos e case se perde, mais cada vez existen máis iniciativas de asociacións e particulares que traballan por rescatar do esquecemento esta parte do patrimonio cultural inmaterial. 

“Cando eu cheguei a Soutomaior, a tradición estaba perdida. Indaguei e atopei algunhas veciñas que lembraban o costume e os cantares que se botaban na festa de Reis, e comecei a traballar cun grupo de xente para volver darlles vida. Posteriormente, a Asociación de Veciños de Pozovello fixo unha recollida de propostas para dinamizar as festas, eu propuxen que se recuperasen estes cantares xunto coa tradición de saír polas casas, e agora xa somos case unha vintena de persoas que imos saír polas parroquias dos arredores nestes días”.

Menduíña, que procede de Cangas, ofrece unha das chaves dese esquecemento: “Eu saía a cantar os Reis pola zona de Cela e de Beluso, en Bueu. No Morrazo somos algo máis bravos e, aínda que o franquismo o prohibiu, nós seguiamos coa tradición

Quen así fala é María Menduíña, a responsábel de que no concello de Soutomaior volvan escoitarse estes antigos cánticos cos que mozos e mozas -e tamén nenos e nenas- buscaban que a veciñanza os recompensase do recital cun aguinaldo que despois consumían todos xuntos facendo unha festa. “Íase de porta en porta, cantábanse os Reis e pedíase o aguinaldo. En tempos, cando en todas as casas se facía matanza, adoitábase dar algo de chourizo, de touciño... e quizais algunhas galletas ou outros doces. Cada casa daba o que podía. Agora son máis habituais as lambetadas, algo de viño ou algo de diñeiro para comprar directamente a comida”, lembra Menduíña. 

No concello de Soutomaior, os cantares de reis tiñan moita tradición e a xente ía cantando mesmo até as casas de varias parroquias de Redondela, como o Viso ou Pontesampaio (Pontevedra). Mais o costume foi perdéndose, aínda que esa perda non pode atribuírse completamente ao abandono ou ao desinterese da veciñanza. Menduíña, que procede de Cangas, ofrece unha das chaves dese esquecemento: “Eu saía a cantar os Reis pola zona de Cela e de Beluso, en Bueu. No Morrazo somos algo máis bravos e, aínda que o franquismo o prohibiu, nós seguiamos coa tradición. Ás agachadas, pero saïamos”. 

A prohibición interrompeu a continuidade do costume e fixo que os cantares de Reis perdesen consideración. "Os maiores non llos transmitiron á novas xeracións. Houbo un corte xeracional que fixo que a xente deixase de darlles importancia", declara Menduíña.

Diversas formacións 

Os grupos de Soutomaior denomínanse bandos, e habitualmente só cantan. Mais existen noutros lugares outro tipo de agrupacións como as rondallas, caso das de Gondomar, que só tocan instrumentos, ou os ranchos de Reis que aínda se conservan en varios lugares das comarcas do Condado e de Vigo. Os ranchos incorporan danzas semellantes ás "danzas brancas" que acompañan as procesións de virxes e santos e que teñen unha probábel orixe nas asociacións gremiais de artesáns da Idade Media.

Unha referencia simbólica ao ciclo da vida e do sol no solsticio de inverno

Os cantos de Reis adoitan comezar cunhas estrofas nas que os “reiseiros” se presentan e piden licenza para cantar á porta da casa. Logo, segue o propio canto de Reis. E para finalizar, louvase os habitantes da casa -se se obtén o aguinaldo- ou engádense unhas estrofas ferintes -en caso de non obter a recompensa desexada. Case todos os cantos de Reis relatan unha viaxe ou relaciónanse cun camiño, especialmente, claro, coa viaxe dos Reis de Oriente que van adorar o Neno Deus. O Nadal coincide co solsticio de inverno, co momento en que o Sol comeza "a súa viaxe cíclica" e todo o relato supón unha referencia simbólica a ese ciclo da vida que se renova permanentemente. 

"Cantámoslle ao Neno Deus, mais ben poderiamos dicir que lle estamos cantando ao Neno Sol", resume María Menduíña.

Comentarios